Preto de 30 persoas maiores da parroquia coruñesa de Los Rosales coñecen as vantaxes de Internet e das Redes Sociais grazas ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta
Tres voluntarios, dous deles prexubilados, ofrecen o seu tempo e os seus coñecementos para achegar as TIC aos maiores desta parroquia
A empresa Revertia, mecenas do Programa, doou 12 ordenadores ao centro
O Programa de Voluntariado dixital busca incorporar as novas tecnoloxías á vida cotiá dos maiores e das persoas con discapacidade
Un ano despois da súa posta en marcha conta con 220 voluntarios e 78 entidades colaboradoras
Preto de 30 persoas maiores da parroquia de Los Rosales en A Coruña, están a mergullarse nas vantaxes que a tecnoloxía lles pode reportar grazas ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta.
Esta iniciativa, posta en marcha hai un ano pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Voluntariado, ten como obxectivo estender a oferta pública de alfabetización dixital a toda a cidadanía, facendo especial fincapé nos colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
Para conseguir o seu obxectivo o programa conta xa con 220 persoas voluntarias e 78 entidades colaboradoras entre concellos, asociacións sen ánimo de lucro e empresas tecnolóxicas que actúan como mecenas dixitais.
Desde a Oficina de voluntariado do Programa coordínase a oferta de voluntarios e a demanda de apoios dixitais que solicitan as entidades de acción social. Este foi o caso da Parroquia de Los Rosales, que conxuntamente coa entidade colaboradora do Programa VolDIX, Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados UDP FETEGA, solicitou voluntarios dixitais para formar no uso das TIC aos maiores pertencentes ao ámbito de influencia desta parroquia.
En resposta á súa solicitude, puxéronse á disposición desta parroquia tres voluntarios, dous deles prexubilados, que se achegan tres horas á semana cada un para introducir aos maiores nos coñecementos básicos da informática, a navegación por Internet, as redes sociais e aquelas necesidades sobre tecnoloxía que vaian xurdindo.
Novo equipamento grazas a un mecenas dixital
Ademais, a parroquia recibiu 12 ordenadores grazas a empresa Revertia, mecenas dixital do programas, que recicla equipos informáticos obsoletos para o seu uso posterior en entidades de acción social. En total, Revertia doou, a través do Programa de Voluntariado Dixital, preto de 30 equipos a diferentes asociacións ou entidades sen ánimo de lucro.
Ademais de nesta parroquia tamén se están a desenvolver apoios dixitais similares coa Universidade Senior da Coruña, na Asociación Recreativa Os Tilos en Teo, na Parroquia de San Xoan Bautista de Carballo e no Centro Social Lagarteira da mesma localidade.
78 entidades colaboradoras e 220 voluntarios
Desde a posta en marcha o Programa Voluntariado Dixital un total de 41 entidades de acción voluntaria, 14 organismos colaboradores e 23 empresas do sector tecnolóxico asinaron os protocolos de colaboración nos que se establece a súa participación no Programa de Voluntariado Dixital. A esta colaboración súmase a solidariedade de 220 persoas que se adheriron a iniciativa como voluntarios dixitais. Os único requisitos que deben cumprir son ser maior de idade e ter un coñecemento tecnolóxico de usuario medio.
A iniciativa suma así a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital.