Preto de 30 expertos estatais e europeos participan o 24 e o 25 de xaneiro no “DICO Summit 2017”, o primeiro encontro internacional sobre contidos dixitais
Organizado pola Amtega e os Clústers TIC e do Audiovisual galego, o foro abordará as oportunidades de negocio que ofrecen este sector e o seu papel como dinamizadores de diferentes sectores económicos
DICO Summit ofrecerá tamén un Showroom coas últimas novidades tecnolóxicas aplicadas aos contidos dixitais e espazos de Networking
O presente e o futuro da animación, os videoxogos e a realidade virtual virán da man de expertos como Simon Smith de Studio Liddell, Luca Conesa de MefistoFiles e Luigi Renna, integrante da Comunidade VRManchester
Representantes de Nokia, Nagra e Technicolor exporán as tendencias das tecnoloxías sobre as que se sustenta a comercialización, distribución e a seguridade dos contidos dixitais
Vodafone, Orange, Euskaltel, Andorra Telecom, PRISA INN, Wuaki TV, Atresmedia e RTVE abordan os desafíos aos que se enfrontan e as oportunidades que lles ofrece este mercado
O impacto dos contidos dixitais na alimentación, a saúde, o téxtil, a educación ou o turismo centrarán a segunda xornada do “DICO summit 2017”
A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia, organizan o 24 e o 25 de xaneiro o evento DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017, un foro que reunirá na Cidade da Cultura a profesionais e representantes de empresas de referencia, para abordar as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos.
Ao longo de dúas xornadas, DICO Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por un lado, os paneis e intervencións de 30 entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisuais, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.
A primeira das xornadas centrase nos axentes implicados na creación, distribución e comercialización de contidos dixitais. O segundo día o foro aborda o impacto que os contidos dixitais están a ter noutros sectores produtivos.
24 de xaneiro
O relatorio inaugural “Contidos Dixitais nun mundo conectado” correrá a cargo de Carolina Godayol, directora de History Channel e Daniel Muñoz director de Afiliados, Medios Dixitais e Investigación. VIACOM - Iberia
Os interesados en coñecer as últimas novidades da animación, os videoxogos e as aplicacións actuais e futuras da Realidade Aumentada e da Realidade Virtual non se poden perder o día 24 o panel “Os contidos dixitais gañan a partida” con Simon Smith de Studio Lidell, Luca Conesa de MefistoFiles e Luigi Renna, integrante da Comunidade VRManchester, que estarán moderados polo director de Innovación Digital de Mardy Bug, Enrique Parga.
O panel "Construíndo a base para os contidos dixitais do futuro" mostrará os alicerces sobre os que se asentan os novos contidos dixitais e que tecnoloxías sustentan a súa comercialización, distribución e protección. O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral será o moderador da mesa, na que intervirán o director de Servizos de Nagra-Iberia, Xavier Cosculluela; o responsable de Tecnoloxía de Nokia, Jaume Figueras e o manager de solucións para empresas de Technicolor, Lionel Adam.
“Novas Plataformas e Medios” analizará os os novos modelos de negocio, as novas formas de distribuír e consumir que ofrece o sector dos contidos dixitais e que implican a operadores de telecomunicacións, canles e grupos de comunicación e plataformas de distribución.
O panel, moderado polo especialista en transformación dixital e novos medios, José Manuel González Pacheco, está dividido en dúas áreas temáticas. Así, baixo o título “A visión dos contidos nos operadores de telecomunicacións” intervirán Jesús J. Rodríguez Ramos, Manager de Produtos de TV de Vodafone Spain; José Antonio Guzmán, Director de TV de Orange; Idoia Uriarte, directora de Televisión de Euskaltel Group; e José Alonso de reponsable de TV, Media e Contidos de Andorra Telecom.
A segunda mesa deste panel abordará “A visión dos contidos en medios e novas plataformas” coa intervención de Alejandro Vega, Chief Digital Officer de RTVE; Enrique Sánchez, director de Video Online de Atresmedia; Javier Lasa, director de Innovación de PRISA INN (Grupo Prisa), e José Monleón, director de Contidos de Wuaki TV.
“A produción audiovisual en plena era dixital” afondará no futuro do sector audiovisual coas intervencións do director e guionista, Jorge Coira; o fundador de Adivina Producciones Jorge Algora; a directora do Máster Producción e Xestión Audiovisual (MPXA) de La Voz e especialista en novos medios, María José Arrojo; e o CEO de Glue Digital, Javier Blanco Thomas. O director da CRTVG, Alfonso Izquierdo, será o encargado de moderar a mesa.
25 de xaneiro
A segunda xornada do DICO Summit 2017 centrarase no impacto dos contidos dixitais noutros sectores económicos e nos negocios dixitais. Arrancará coa intervención de David Calle, CEO de Unicoos unha canle de matemáticas, física, química e tecnoloxía en youtube, orientado á formación STEM de millóns de estudantes en todo o mundo. Na actualidade é a primeira canle educativa do mundo en fala hispana da súa categoría, con case 700.000 subscriptores e 92 millóns de visitas.
Casos de éxito
O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) exporá o seu proxecto MarketLab, unha infraestrutura de innovación aberta, única no Estado, centrada en analizar os factores que inflúen na compra do consumidor actual no entorno da intelixencia competitiva. Pola súa banda, Queres Tecnoloxía exporá ferramentas de Big Data aplicadas á interoperabilidade sanitaria para mellorar a atención ao paciente. O Cluster Téxtil Moda (COINTEGA) presentará SIMSS, unha plataforma que permite ás empresas do sector da moda vender máis con menos esforzo e xestionar de forma máis eficiente os seus procesos internos.
Manuel Meijide, director de Ilux Visual Tecnologies exporá no seu relatorio “O turista dixital” como viaxar sen saír de casa comeza a ser posible grazas aos contidos dixitais, que poden achegar, a tan só un click de distancia, o destino vacacional de moda, o contido dun museo ou unha paisaxe.
No panel “A educación do futuro busca contidos”, o Project Manager de Netex, José Domenech, e o cofundador de Tesla, Esteban Vázquez, exporán os proxectos que se están a desenvolver neste campo no sector educativo, un dos grandes consumidores de contidos dixitais.
A última mesa da xornada xirará en torno ao “Emprendemento no sector dos contidos dixitais” en nela intervirán o responsable do Centro de Innovación de RTVE, Esteban Mayoral Campos;o Director Legal e Director IP & Ventures da compañía de televisión por cable e fondo de Inversión Liberty Global, Borja Varela; e o socio de Gato Salvaje e Fundandor de Start Your Business International Consulting, Fernando Prieto.
Showroom, Networking e Concurso de ideas
Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.
A web da iniciativa, dicosummit.gal, irase actualizando coas novas sobre as entidades e profesionais que terán presenza no evento, que tamén se publicarán nas redes sociais das tres entidades organizadores. As entidades interesadas nesta iniciativa poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico info@dicosummit.gal