Preto de 110.000 galegos máis incorpóranse esta semana á TDT grazas a novos acendidos dixitais nas áreas técnicas do Páramo e Domaio
Mañá levarase a cabo o apagado analóxico nos concellos de Ribeira de Piquín, Vilalba e Pol, que suman 18.000 habitantes, e na Cañiza, Covelo e Vilagarcía, con outros 10.108 galegos. O vindeiro 2 de abril iniciarase a terceira e última fase de ceses analóxicos cubrindo a área de poboación restante que afecta a preto dun millón de galegos.
O martes o apagado afectará a máis de 34.000 galegos dos concellos de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol, namentres que o mércores disfrutarán da TDT os concellos de Meis, O Grove, Cambados, Ribadumia, Portas, Barro, Moraña e unha parte de Moaña, cun total de 45.578 habitantes.
Preto de 110.000 galegos incorporaranse esta semana á TDT tras o apagados analóxicos programados para mañá, o martes e o mércores, encadrados na terceira e última fase que se está a levar a cabo nestes momentos.
Así, mañá levarase a cabo o apagado analóxico nos concellos de Ribeira de Piquín, Vilalba e Pol, que afectará arredor de 18.000 habitantes tras o cese do sinal nos emisores analóxicos ‘Ribeira de Piquín’, ‘Ribeira de Piquín I’ e ‘Vilalba’, situados na Área Técnica do Páramo. Ademais, producirase, tamén, o apagado do sinal analóxica nos emisores ‘Cañiza’ e ‘Carril’, situados na Área Técnica de Domaio, e que implicará a chegada da emisión dixital aos concellos da Cañiza, Covelo e Vilagarcía, o que permitirá disfrutar da TDT a outros 10.108 galegos.
Xa o martes volverase á Área Técnica do Páramo, procedéndose ao cese analóxico dos emisores ‘Becerreá’, ‘Conforto’, ‘Pontenovo’, ‘Pontenovo I’, ‘Vilameá’, ‘San Paio’ e ‘Viveiro’. Este apagado permitirá a chegada do sinal dixital a máis de 34.000 galegos dos concellos de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol.
Por último, o mércores terá lugar o apagado dos centros ‘Meis’ e ‘Moaña’, de xeito que os concellos de Meis, O Grove, Cambados, Ribadumia, Portas, Barro, Moraña e unha parte de Moaña, cun total de 45.578 habitantes, pasarán a ter cobertura dixital.
O núcleo máis grande de poboación
Unha vez rematados estes acendidos dixitais, a terceira e última fase de incorporación á TDT rematará o vindeiro venres, 2 de abril, co fin da transmisión de sinal do restos dos centros da Área Técnica do Páramo e de Domaio, que afecta aos núcleos máis grandes de poboación dentro do conxunto da comunidade.
Así, o apagado da Área Técnica do Páramo afectará a 45 concellos, que suman 273.992 habitantes, namentres que na Area Técnica de Domaio sumaranse ese día á TDT outros 694.000 galegos de 31 concellos distintos.
Non obstante, dende a Secretaría Xeral de Medios recoméndase aos cidadáns a instalación dos adaptadores da TDT, comprobando a correcta orientación da antena, sen agardar ás datas fixadas para o apagado analóxico, dado que, no 98% dos casos, xa se pode recibir o sinal da televisión dixital. Ínstase, polo tanto, a que se verifique a correcta recepción da TDT nestes días, dada a proximidade de datas festivas nas que non poderán recibir a atención dos técnicos instaladores.
Por outra banda, compre lembrar que, para calquera consulta por parte da poboación, pode facerse a través do teléfono 012 ou na páxina web www.tdtgalicia.es