Presidencia renova a súa web institucional para ofrecer unha navegación máis intuitiva e sinxela aos usuarios

Domingo 18 de Abril de 2010

Presidencia renova a súa web institucional para ofrecer unha navegación máis intuitiva e sinxela aos usuarios

Ofrece catro alternativas diferentes de localización dos contidos e servizos: desde un punto de vista organizativo, temático, de feitos vitais e por colectivos. O obxectivo final é facer desta nova web unha ferramenta de referencia fronte a cidadanía, nun paso máis cara á nova posición da Xunta na Internet.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de poñer en marcha a súa nova páxina web institucional (http://cpapx.xunta.es) co obxectivo de que sexa máis intuitiva e sinxela de utilizar polos cidadáns, polo que prima o acceso aos servizos de información, interacción e tramitación que a Consellería pon a disposición dos usuarios.

Así, modificouse a distribución da páxina anterior, agrupando a información relacionada e ofrecendo de forma máis clara os enlaces aos servizos e informacións máis relevantes. O menú principal constitúese en espiña dorsal na nova web ao presentarlle ao usuario catro alternativas diferentes de localización dos contidos e servizos: desde un punto de vista organizativo (Organización), temático (Áreas temáticas), de feitos vitais (Como facer para...) e das posibles audiencias (Colectivos). Ademais, presenta un quinto apartado de acceso directo aos servizos de maior interese e utilidade que reduce o número de ‘clics’ por parte do visitante.

O redeseño conceptual e visual da web continúa con un espazo destacado dedicado ás principais áreas temáticas da Consellería, no que a través de enlaces textuais poderá accederse aos contidos e servizos máis relevantes en materia de xustiza, emerxencias, interior, administración local, avaliación e reforma administrativa e as relacións institucionais e exteriores. O mesmo ocorre coa Secretaría Xeral, que dispón dun acceso directo onde se poden consultar materias relacionadas cos colexios profesionais, a toponimia e as asociacións e fundacións de interese cultural, entre outras.

Outra das novidades da páxina web son os espazos que se poderían englobar nunha sala de prensa ou de comunicación virtual. Así, baixo o título de “Esperámosche en...” intégranse as convocatorias de eventos da Consellería e dos seus organismos adscritos; mentres que no espazo de actualidade institucional publícanse actualizadas as principais novas do departamento en formato de nota de prensa.

Pola súa banda, a navegación polo interior do portal pretende ser igual de sinxela e intuitiva que na súa portada, presentando sempre unha estrutura básica, de esquerda a dereita, na que se ofreza un menú de navegación, un espazo principal de información e un terceiro destinado a destacados e contidos relacionados.

O obxectivo final deste redeseño do portal da Consellería de Presidencia é ofrecer unha ferramenta de referencia fronte a cidadanía, nun paso máis cara á nova posición da Xunta na Internet, e orientada a resaltar a súa misión como canle de información e servizos públicos á sociedade.