Preséntase no Centro Demostrador TIC a aplicación "Garagapp" para a apertura de portas automáticas desde o móbil
A sesión demostradora celebrarase o día 5 de febreiro en horario de 12.30 a 14.00 horas nas instalacións do CDTIC e poderá seguirse por streaming
A actividade está organizada pola empresa Possible Inc, unha das 50 empresas que traballa no espazo de crowdworking Galicia Open Future.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o 5 de febreiro unha sesión demostradora que leva por título “Garagapp, a app para apertura de portas automáticas” (https://cdtic.xunta.es/garagapp) que se desenvolverá en horario de 12.30 a 14.00 horas.
Os asistentes poderán coñecer o funcionamento da aplicación Garagapp ou as necesidades de cara á súa distribución. Esta sesión pode resultar de especial interese para administradores de fincas, instaladores de portas e sistemas de apertura automática, construtores ou promotores urbanísticos e empresas. Encargarase de levar a cabo a demostración Possible Inc, unha compañía de software especializada en aplicacións móbiles e webs complexas, así como todo tipo de aplicacións de software para calquera sector.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. As persoas que non poidan acudir á demostración poderán seguila a través de streaming.
Utilidade de Garagapp
Esta aplicación permite abrir e pechar garaxes sen necesidade de mando a distancia e utilizando simplemente o móbil. Instálase un receptor ao lado da porta que simula un mando do garaxe e introdúcese unha clave na aplicación. Pódese mesmo ter máis dunha porta asociada á app (porta da casa, porta da oficina...). Por 3G ou bluetooth, o móbil conéctase ao receptor e cando se preme o botón ábrese ou péchase a porta.
A aplicación Garagapp é un dos proxectos que está a participar na primeira convocatoria do iniciativa Galicia Open Future (GOF), impulsada por Telefónica en colaboración coa Xunta (https://galicia.openfuture.org/).
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.