Pontevedra conta desde hoxe cun aula Cemit que ofrecerá formación gratuíta en novas tecnoloxías a cidadáns e empresas
Trátase dun espazo de preto de 100 metros cadrados equipado con 28 postos informáticos e un sistema de videoconferencia profesional
A Rede CeMIT, integrada por 98 aulas e presente en 92 concellos, facilita o acceso ás TIC a todos os cidadáns en igualdade de condicións
O Plan de Banda Larga da Xunta incrementou en 20 puntos a porcentaxe de poboación con acceso á rede na Comarca de Pontevedra chegando ao 98% de cobertura
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, inauguraron hoxe a nova aula CeMIT do organismo provincial.
A nova aula CeMIT da Deputación pontevedresa ocupa un espazo de 96 metros cadrados dotado con 28 postos informáticos de traballo e equipo profesional de videoconferencia. Coa posta en marcha deste centro, no que a Xunta investiu 82.000 euros cofinanciados con Fondos Feder, cúmprese o compromiso de que cada galego teña un aula CeMIT a menos de trinta minutos do seu lugar de residencia.
A aula CeMIt é unha das dependencias do Edificio Administrativo da Deputación Provincial de Pontevedra, que desde hoxe conta cun espazo para que cidadáns e empresas poidan acceder de balde á formación en novas tecnoloxías.
3.000 cursos gratuítos en toda a Rede CeMIT en 2012
A Rede CeMIT, presente en 92 concellos e con 98 aulas, é un dos elementos fundamentais para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a todos os cidadáns en igualdade de condicións.
Conta cun Plan de Formación que en 2012 triplica a oferta do ano pasado con 3.000 cursos gratuítos. Ademais, tamén se prevé incrementar en preto do 50% o número de usuarios acadando os 15.000 ao longo do ano.
O Plan presta especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, pero ofrece tamén formación especializada aos profesionais TIC e información específica para pemes e micropemes sobre as vantaxes que as TIC teñen para mellorar a xestión e os seus procesos produtivos.
O Goberno galego segue a apostar polas polas novas tecnoloxías, co convencemento de que é investir nas TIC redundará nunha mellora a nivel económico e produtivo para Galicia.
Plan de Banda Larga
Por iso, o primeiro esforzo do actual Goberno galego neste ámbito centrouse en facilitar o acceso a Internet a todos os galegos. A posta en marcha hai dous do Plan de Banda Larga posibilitou a conexión á Rede a máis de 490.000 galegos que carecían de cobertura. Nesta provincia parte das actuacións do Plan se están a desenvolver en colaboración coa Deputación. A día de hoxe xa beneficiaron desta medida máis de 24.000 veciños da Comarca de Pontevedra que antes do inicio do Plan non tiñan acceso a internet.
Nesta comarca, o Plan incrementou a cobertura de Internet do 77% existente en 2009 ao máis do 98% a día de hoxe. O obxectivo é dotar de conexión á rede ao 100% dos galegos a finais de 2013.