Plan de Banda Larga da Xunta faciltou o acceso a Internet a máis do 25% da poboación da Comarca de Ortegal que carecía de cobertura

Domingo 08 de Maio de 2011

Plan de Banda Larga da Xunta faciltou o acceso a Internet a máis do 25% da poboación da Comarca de Ortegal que carecía de cobertura

A previsión é que no 2013 a Comarca de Ortegal acade unha porcentaxe de máis do 90% de cobertura fronte ao 48% existente antes do comezo do Plan

A extensión de redes fixas, que está a realizar o operador Telefónica nesta zona no marco do Plan, garanten unha velocidade de 6 Mbps

En menos dun ano o Plan reduciu nun terzo a poboación sen cobertura en Galicia

Preto de 2.000 persoas da Comarca de Ortegal que carecían de acceso a Internet teñen xa a posibilidade de conectarse á Rede grazas as actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013 que está a desenvolver a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

As actuacións do Plan na Comarca ata agora supuxeron achegar fibra óptica a tres núcleos de poboación, As Felgosas, Porto do Barqueiro e Ortigueira, beneficiando deste xeito a case 2.000 habitantes destas zonas, o que representa o 25% da poboación da comarca, que agora dispón de servizos de banda larga de, como mínimo, 6Mbps.

A previsión é que no 2013 a Comarca de Ortegal acade unha porcentaxe de máis do 90% de cobertura fronte ao 48% existente antes do comezo do plan. Unha cobertura que xa se incrementou no primeiros meses de actuación do Plan acadando a día de hoxe máis do 61%.

Cómpre destacar que, agás no Caso do Concello de Cariño que conta cunha cobertura de preto do 90%, no resto dos municipios a previsión do Plan é incrementar no 2013 a porcentaxe de poboación con acceso a Internet en máis dun 50%, chegando incluso a un aumento de máis do 65% no caso de Mañón. Así en Cerdido, Mañón e Ortigueira a cobertura pasará do 39%, do 23,76% e do 28,55 a máis do 90%. O Plan cubrirá a demanda do 10% restante a través de servizos de acceso vía satélite.

De todos os xeitos a actuación posta en marcha pola Xunta nesta zona xa permitiu que a día de hoxe a cobertura de Cerdido esta no 47,19%, a de Mañón no 51,68% e a de Ortigueira no 48,25%.

Previsións Plan de Banda Larga Comarca de Ortegal

Image removed.

Velocidades de 6 Mbps
A liña de acción que o Plan desenvolve nesta zona é a extensión de redes fixas, que se concreta na extensión de fibra óptica ata os núcleos con maior demanda, que está a realizar o operador Telefónica e que garanten unha velocidade de 6 Mbps. Para o despregamento destas infraestruturas de telecomunicación na Comunidade a Xunta concedeu a Telefónica o pasado mes de setembro unha subvención de preto de 5,2 millóns de euros.

Con esta actuación, que xerará un investimento total de arredor dos 28 millóns, Telefónica posibilitou xa que preto 43.000 persoas dun total de 173 núcleos de toda Galicia, que ata agora non contaban con cobertura, dispoñan da posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade.

Reduciuse nun terzo a poboación sen cobertura 
A día de hoxe, e tras á posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013 son xa en torno a 250.000 os galegos que poden acceder á banda larga e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegue ao 83,60% fronte ao 70% existente en 2009.

A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. O ano pasado a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10% e a previsión é que en 2011 esta porcentaxe diminúa ata un 7%.

Ademais, conseguiuse garantir a cobertura de Internet de calidade a máis da metade dos parques empresariais e polígonos industriais con carencias de cobertura así como, posibilitar o acceso de calidade a Internet á maior parte dos puntos de demanda estratéxica para a administración (centros educativos, centros de saúde, farmacias, xulgados de paz, etc.) sen banda larga. O despregamento de redes do Plan é clave para proporcionar as infraestruturas que permitirán avanzar na administración electrónica e en proxectos innovadores en ámbitos como a sanidade, a educación e a xustiza.

O Plan contempla cinco actuacións das que xa se puxeron en marcha 4: a implantación de redes fixas, sen fíos, de nova xeración (con velocidades de 100Mbps), e a potenciación do operador público Retegal que está a poñer a disposición dos resto dos operadores a súa infraestrutura favorecendo a competencia. Este ano porase en marcha unha nova actuación para completar a cobertura nas zonas rurais.