Pilar Farjas presenta unha publicación que recolle diversos traballos de documentación para facilitar as consultas de Atención Primaria

Martes 29 de Xuño de 2010

Pilar Farjas presenta unha publicación que recolle diversos traballos de documentación para facilitar as consultas de Atención Primaria

A publicación contén 200 algoritmos que facilitan a consulta rápida e está editada polo portal sanitario de contidos clínicos máis visitado en lingua española

A conselleira de Sanidade sinalou a potencialidade destas ferramentas tecnolóxicas que melloran a calidade da atención sanitaria e redundan no liderado de Galicia como referencia internacional

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, presentou hoxe, na Domus, o libro titulado: Algoritmos clínicos para a consulta de Atención Primaria: respostas rápidas no punto de atención, que está editado polo portal sanitario fisterra.com. A publicación, coordinada por Arturo Louro González, é o resultado dun traballo de reflexión dos profesionais asistenciais, unha gran maioría galegos, que aportan, non só os seus coñecementos, senón, o que é máis importante, a súa experiencia na atención diaria dos pacientes, que o que lle confire valor á obra.

O libro, ordenado por especialidades, contén 200 algoritmos, que son sinxelos diagramas que permiten unha consulta rápida e fácil, polo tanto de moita utilidade nas consultas de atención primaria e dos que se poden beneficiar miles de profesionais de todo o mundo no seu traballo diario. Os algoritmos están elaborados con metodoloxía sistemática e rigorosa.

A publicación que hoxe presentou Pilar Farjas, está editada pola plataforma fisterra.com Esta ferramenta web foi creada por médicos de atención primaria no ano 2000, e, dende entón, veñen de colaborar nela máis de 600 profesionais, que “están a consolidar un espazo para compartir coñecementos clínicos, cun enfoque orientado cara ás necesidades dos profesionais”. Estas características están a facer que sexa a páxina sanitaria de contidos clínicos máis visitada en lingua española, con máis de 50.000 visitantes diarios e máis de catro millóns de páxinas vistas mensualmente.

As tecnoloxías ao servizo da saúde

A conselleira de Sanidade sinalou, durante a súa intervención, a enorme potencialidade da telemática e da telemediciña no contexto sanitario. Deste xeito, engadiu que Galicia non só debe seguir apostando por estas plataformas, senón que, tamén, debe difundilas e promovelas como referente de futuro no eido da saúde, posto que, ademais, é un xeito solidario de colaborar nunha rede de comunicacións sen fronteiras da que poden beneficiarse millóns de profesionais e pacientes en todo o mundo”.