Pemes, micropemes e autónomos do sector da venda, mantemento e reparación de vehículos de Galicia participan no programa “xornadas en red” para potenciar a rendabilidade do seu negocio

Mércores 16 de Febreiro de 2011

Pemes, micropemes e autónomos do sector da venda, mantemento e reparación de vehículos de Galicia participan no programa “xornadas en red” para potenciar a rendabilidade do seu negocio

Empresarios, autónomos e profesionais asisten a estas xornadas para coñecer as vantaxes que supón implantar o Terminal Punto de Venda (TPV) e o equipo de diagnose multimarca na xestión diaria do seu taller

Os asistentes coñecen o funcionamento e a aplicación de tecnoloxía específica para reducir o tempo de reparación de vehículos, diminuír custos do taller, optimizar os resultados do diagnóstico e simplificar as tarefas administrativas

Os datos extraídos do proxecto piloto posto en marcha en Galicia revelan que a maioría dos clientes de empresas que usan o terminal punto de venda (81%) e o equipo de diagnose multimarca (94%) cre que estas solucións melloran a calidade do servizo obtido

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de entidade pública red.es, a Subdelegación de Goberno en Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia presentaron esta mañá en Santiago de Compostela unha nova edición das 'Xornadas Empresas en Rede', un programa de ámbito nacional do que se benefician pemes, micropemes e autónomos de máis de 30 cidades españolas. No acto participaron Rafael Chávarri, voceiro de red.es, José Manuel Pose, subdelegado de Goberno en Santiago e Yolanda García Ulla, subdirectora xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información da Xunta de Galicia.

A través deste programa, promóvese a implantación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) nos negocios do sector da venda, mantemento e reparación de vehículos de Galicia. Ademais, móstranse as oportunidades que representa o uso eficiente de solucións tecnolóxicas co obxectivo de impulsar a economía e potenciar a competitividade dos negocios deste sector.

As 'Xornadas Empresas en Red' forman parte do programa de ámbito nacional 'Empresas en Red', que conta cun presuposto total de 178 millóns de euros ata 2013 financiados polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, as Comunidades Autónomas e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A asignación orzamentaria do programa 'Empresas en Rede' supera os 11,9 millóns de euros en Galicia.

Tecnoloxía adaptada ao sector
Pemes, micropemes e autónomos do sector da venda, mantemento e reparación de vehículos participan, durante tres horas, nunha sesión sectorial gratuíta de divulgación e asesoramento tecnolóxico onde un equipo de especialistas aborda os beneficios de adoptar solucións específicas para a xestión diaria do seu negocio. Dunha forma dinámica, móstrase o funcionamento e as aplicacións para este sector a través dunha demostración práctica. Os asistentes coñecen nestas Xornadas a aplicación do Terminal Punto de Venda (TPV) e o equipo de diagnose multimarca para mellorar os principais procesos de xestión da súa empresa.

A utilización destas ferramentas representa unha redución do tempo e do custo das reparacións, unha diminución do número de reclamacións e unha optimización dos resultados do diagnóstico da avaría, así como un maior control do stock do taller. Todo iso contribúe a incrementar a facturación, aumentar a carteira de clientes e simplificar as tarefas administrativas do negocio.

As sesións sectoriais das 'Xornadas Empresas en Rede' inclúen tamén unha zona expositiva de postos onde provedores mostran os servizos e produtos tecnolóxicos para o sector do sector da venda, mantemento e reparación de vehículos: Terminal Punto de Venda (TPV) e equipo de diagnose multimarca.

O uso de tecnoloxía en talleres galegos acredita a eficiencia das TIC
O programa e o contido das 'Xornadas Empresas en Rede' deseñouse coa experiencia obtida polas empresas do sector participantes nos proxectos piloto que se están a desenvolver en Galicia e noutras Comunidades Autónomas. Estes proxectos consisten na implantación de solucións tecnolóxicas nunha mostra de empresas dun sector concreto co fin de coñecer o impacto real destas ferramentas nos negocios.

Durante a rolda de prensa, o voceiro de red.es, Rafael Chávarri, asegurou que este proxecto piloto está a demostrar que "o investimento en tecnoloxía é unha oportunidade para potenciar a empresa en termos de rendibilidade e competitividade”. Chávarri, manifestou que as empresas galegas deste proxecto piloto que usan o TPV aumentaron o número de clientes un 17% e diminuíron as reclamacións un 21%. Segundo o voceiro de red.es, o 81% dos clientes destas empresas afirman que esta ferramenta mellora a calidade de servizo.

En relación ao equipo de diagnose multimarca, Chávarri indicou que as empresas que empregan esta ferramenta incrementaron o seu volume de clientes un 15% e aumentaron a capacidade para resolver traballos non habituais un 82%. Nesta mesma liña, o voceiro de red.es revelou que o 94% dos clientes destas empresas sosteñen que mellora a atención recibida.

Adicionalmente, estanse desenvolvendo proxectos piloto noutras Comunidades Autónomas nos sectores de transporte, comercio polo miúdo, empresas de distribución editorial e artesanía.

Durante 2011 realizaranse estas actuacións no sector agroindustrial, hostalaría e restauración, e aloxamentos rurais e hoteleiros.

Datos de acceso a Internet e banda ancha 
Durante a súa intervención, o voceiro de red.es detallou os indicadores de conexión a Internet e de uso da tecnoloxía de banda ancha nas micropemes, pemes e grandes empresas de Galicia.

Estes datos, extraídos do Observatorio Nacional de Telecomunicacións y para la Sociedad de la Información (ONTSI), reflicten que o 95% de pemes e grandes empresas galegas contan con conexión a Internet.

Por outro lado, máis do 97% das pemes e grandes empresas con conexión a Internet fano a través de banda ancha, mentres que a implantación desta ferramenta nas micropemes supera o 90%.

Centro Demostrador TIC en Galicia
A subdirectora xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información indicou que 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, a estratexia global da Xunta en materia tecnolóxica recolle unha liña específica para promover a sociedade da información no tecido empresarial galego. Para conseguir este obxectivo indicou que é preciso facer chegar as TIC ás empresas como unha vantaxe competitiva, "as TIC como investimento e non como gasto".

Entre as medidas para conseguir este obxectivo está a posta en marcha, en colaboración con red.es, do Centro Público Demostrador TIC de Galicia no primeiro semestre do ano. Trátase dun centro de referencia TIC onde as empresas galegas poderán coñecer de forma práctica como as novas tecnoloxías poden mellorar a súa competitividade e os seus procesos produtivos.

Yolanda García recalcou que dende a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xa se veñen impulsando proxectos que inciden de xeito práctico na implantación de solucións tecnolóxicas sectoriais. Entre as iniciativas levadas a cabo neste sentido destacou que en 2010 o departamento autonómico destinou 3.245.562 € a subvencionar 94 proxectos para fomentar a empresa dixital. As iniciativas que se presentaban a esta convocatoria de axuda debían abordarse dende a cooperación entre empresas privadas ou asociacións empresariais de calquera sector económico e unha empresa do ámbito tecnolóxico que desenvolvera a solución TIC demandada pola empresa.

Ademais, a subdirectora xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, recordou a importancia do Plan de Banda longa que esta desenvolvendo a Xunta, que xa reduciu nun terzo a poboación sen acceso á banda ancha en Galicia e que en 2012 dotará de cobertura ao 100% dos polígonos industriais.

Un plan estratéxico para incrementar a competitividade e produtividade
A Estratexia 2011-2015 do Plan Avanza 2 pretende situar a España nunha posición de liderado no desenvolvemento e uso de produtos e servizos TIC avanzados, contribuíndo ao éxito dun modelo de crecemento económico baseado no incremento da competitividade e a produtividade, a promoción da igualdade social e rexional e a mellora do benestar e a calidade de vida dos cidadáns.

Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
Este proxecto lévase a cabo grazas ao cofinanciamento de eala Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellorar a cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais. Neste sentido, as actuacións levadas a cabo por red.es céntranse en fomentar o desenvolvemento do ámbito produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e da sociedade de la información. Red.es é Organismo Intermedio nos Programas Operativos: Programa Operativo Economía Baseada no Coñecemento (POEC), Fondo Tecnolóxico, e distintos Programas Operativos Rexionais.