Pemes e autónomos poderán coñecer o vindeiro 26 de xuño no CDTIC novas ferramentas informáticas para mellorar a xestión do mantemento dos seus equipos e instalacións
A asistencia a este curso é de balde, previa inscrición na páxina web do Centro Demostrador TIC https://cdtic.xunta.es/spi-linx
Impartirán o seminario dous membros da empresa SPI, especializada na implantación de solucións e servizos de infraestrutura TI.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá o día 26 de xuño a sesión demostradora “Mellorar a xestión do mantemento: aumentar a calidade e economizar” (https://cdtic.xunta.es/spi-linx), que se impartirá de 10.00 a 13.30 horas.
Nesta actividade explicaranse as vantaxes de implantar un programa informático para a xestión do mantemento dos equipos ou instalacións (GMAO) nunha empresa e presentarase o Linx 7.0.
Este seminario está destinado a para pemes e traballadores autónomos de todos os sectores, así como asociacións e clústeres empresariais. O obxectivo é demostrar como unha ferramenta GMAO pode axudar a mellorar a xestión, os procedementos e a calidade dos produtos ou servizos que as empresas realizan, facéndoas máis competitivas.
Impartirán o seminario dous membros da empresa SPI, especializada na implantación de solucións e servizos de infraestrutura TI: Móntse Béjar, responsable da Área de Marketing e Vendas, e Jordi Casals, director comercial.
Linx 7.0
Linx é unha ferramenta estándar que serve para a xestión do mantemento de calquera instalación. Xestiona as áreas de activos, recursos humanos (internos e externos), recambios (stocks, pedidos etc.), solicitudes de intervención, estatísticas...
Unha ferramenta destas características permite xestionar completamente un departamento de mantemento; automatizar a planificación do mantemento, mesmo sen coñecementos de informática; incorporar tecnoloxía máis avanzada para facilitar e garantir un proceso sinxelo e fiable; e a súa versatilidade facilita a xestión de contornos diferentes e a súa adaptación a todas as necesidades.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.