Ourense e Pontevedra acolleron hoxe o segundo seminario sobre informática xudicial organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática

Xoves 29 de Setembro de 2011

Ourense e Pontevedra acolleron hoxe o segundo seminario sobre informática xudicial organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática

Esta actividade forma parte dun ciclo formativo froito dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Modernización e o CPETIG

O hotel San Martin da capital ourensá acolleu esta tarde a xornada inaugural do seminario sobre Informática Xudicial, Peritaxe Técnico e Proba Electrónica organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e financiado pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia. O seminario, que remata mañá, intégrase nun ciclo formativo que se iniciou en Lugo o pasado 15 de setembro, continua hoxe en Ourense e Pontevedra e rematará en Santiago en novembro.

Plan Senda 2014
A inauguración na capital ourensá correu a cargo do subdirector xeral de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade, Jaime Barros, que sinalou que para a Xunta de Galicia, a Administración de xustiza constitúe unha área prioritaria de desenvolvemento e para progresar na utilización das TIC neste ámbito puxo en marcha o pasado ano o Plan Senda 2014. É a primeira folla de ruta para integrar as novas tecnoloxías na Xustiza con medidas para a racionalización e redeseño de procesos, o fomento do uso das ferramentas informáticas, actuacións de renovación do equipamento, actualización dos sistemas de información así como un proceso axeitado de xestión do cambio.

Na súa intervención Barros sinalou que acadar un aproveitamento beneficioso das TIC no proceso xudicial implica, non só mellorar a dotación de infraestruturas tecnolóxicas coa renovación do equipamento informático e de telecomunicacións e o emprego dos sistemas de información dixital, senón tamén fomentar o coñecemento e uso dos sistemas de información, mellorar a información manexada no ámbito da xustiza e avanzar cara o expediente electrónico xudicial.

Neste liña de o subdirector xeral indicou que no primeiro semestre de 2011 máis de 350.000 notificacións desde os órganos xudiciais cara outros operadores xurídicos xa se fixeron de feito telemático e que nos últimos 12 meses mais de 1.400 funcionarios públicos participaron en cursos de formación sobre o uso dos sistemas de xestión procesual.

Informar e concienciar
O obxectivo deste seminario é informar e concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos en que interveña o factor informático no proceso, así como dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial. Co seminario tratarase ademais de sensibilizar sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática.

Programa
Máis de 40 profesionais da Xustiza participaron hoxe nos seminarios de Ourense e Pontevedra. O seminario da cidade ourensá contou esta tarde coa participación do avogado e blogger Víctor Salgado, e do fiscal especializado en Criminalidade Informática da provincia de Pontevedra, Luis María Uriarte, que abordou o tema da proba electrónica e a súa importancia no proceso xudicial. Ambos relatores estarán mañá en Pontevedra.

Na xornada de mañá en Ourense intervirá o Xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que disertará sobre a o protocolo forense en probas electrónicas. Esta segunda xornada formativa completarase co relatorio do perito do Corpo Oficial de Peritos do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Miguel Abal, que abordará na súa intervención o tema da práctica pericial informática. Ambos relatores foron os encargados de inaugurar hoxe o seminario en Pontevedra.