Os últimos datos do INE confirman que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior incremento de acceso a internet contratado en 2010
A conexión a Internet está presente no 48,9% dos fogares galegos, experimentando un incremento do 15,6% con respecto a 2009 fronte a un crecemento estatal do 9,4%
Máis da metade da poboación galega (53,6%) empregou Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 7,6% con respecto ao ano anterior
Os internautas de Galicia superan aos do conxunto do Estado nos usos avanzados da Rede (descarga de software, lectura de xornais en liña...
A banca electrónica experimentou un crecemento interanual do 15% en Galicia
A Enquisa sobre Equipamento e Uso de Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos fogares 2010 do Instituto Nacional de Estatística (INE) indica que a conexión a Internet está presente no 48,9% dos fogares galegos, experimentando un incremento do 15,6% con respecto a 2009 mentres que o crecemento deste indicador para o conxunto do Estado foi dun 9,4%. Estes datos sitúan a Galicia como a segunda Comunidade Autónoma con maior crecemento en acceso a Internet contratado no ano 2010, só por detrás de Castela A Mancha.
Sociedade da Información en Galicia
Os últimos datos sobre o Estado da Sociedade da Información en Galicia constatan unha evolución positiva na penetración das novas tecnoloxías entre os galegos aínda que a Comunidade segue a rexistrar valores inferiores en varios indicadores. No caso de acceso e uso de ordenador, internet e banda larga a posición de Galicia é inferior ao conxunto do Estado aínda que crece en todos os casos.
Máis da metade da poboación galega (53,6%) empregou Internet nos tres últimos meses, un incremento do 7,6% con respecto ao ano anterior. A media estatal (64,2%) experimentou un crecemento lixeiramente inferior á media galega (7,4%).
O uso das tecnoloxías da información no tramo de idade de 16 a 24 anos é, en xeral, moi alta, superando o 90% no uso de Internet nos últimos tres meses. As diferenzas acentúanse considerablemente no tramo de idade comprendido entre os 45 e os 54 anos.
A utilización dos servizos de comunicación avanzada por Internet, por parte dos internautas de Galicia presentan niveis moi similares aos dos internautas do resto do Estado, superando a media en varios indicadores. Aínda que o correo electrónico (81,9%) e a procura de información sobre bens e servizos (86,2%) seguen a ser as aplicacións máis populares nos fogares galegos, nos últimos anos están a consolidarse outros moitos servizos: lectura e descarga de xornais ou revistas en liña (70,4%, 8,4 puntos por riba da media estatal), viaxes e aloxamento (61,6%) ou descarga de software (36,2%).
Os temas relacionados coa educación e a saúde encabezan as procuras de información na Rede. Un 55,6% dos internautas galegos procura información sobre educación ou formación a través de Internet, e un 57,1% realiza procuras relacionadas coa saúde superando á media estatal en 4,6 puntos porcentuais. A banca electrónica é empregada por un 38,4% dos internautas galegos. No último ano, a banca electrónica experimentou un crecemento do 15% na Comunidade.
Galicia sitúase tamén como a terceira comunidade autónoma con maior uso da Administración electrónica para obter información das páxinas web e a quinta comunidade en descarga e cumprimentación de formularios oficiais.
Pese á evolución positiva que está a experimentar a penetración das novas tecnoloxías entre os galegos e galegas, a Sociedade da Información en Galicia segue condicionada polos factores xeográficos e socioeconómicos. O hábitat poboacional é en xeral un dos factores que determinan claramente a fenda dixital existente en Galicia. Nos núcleos urbanos acádase a converxencia co noso contorno mentres que se manteñen as diferencias no rural. Así, concretamente para a conexión a Internet, a porcentaxe de galegos con conexión á Rede nos núcleos de poboación de 50.000 a 100.000 habitantes é do 65,7%, 4,1 puntos máis que o conxunto do Estado. Nos núcleos de menos de 10.000 habitantes este indicador sitúase no 33,8% en Galicia fronte aos 47,3% do Estado, medrando un 18,6% respecto ao ano 2009.
Conexión a Internet a través de banda larga
Cabe destacar a importante evolución experimentada pola tecnoloxía de banda larga nos fogares galegos: un 46,5% do conxunto da poboación conéctase a Internet mediante banda larga (un 21,4% máis ca no ano 2009) mentres que no conxunto do Estado o incremento foi apenas dun 11,9%.
As principais formas de conexión a Internet a través de banda larga en Galicia son o ADSL (55,6% dos fogares con conexión a Internet) e o cable (31,9% dos fogares con conexión a Internet). No caso da modalidade de cable, Galicia conta cunha vantaxe de 14,5 puntos porcentuais con respecto á media estatal. Entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia un 22,9% accede mediante conexión móbil de banda larga, 11,2 puntos máis que a media estatal.