Os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías e obradoiros para grandes e pequenos, na Coruña o día 24 da man de Rapaciñ@s

Domingo 23 de Outubro de 2016

Os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías e obradoiros para grandes e pequenos, na Coruña o día 24 da man de Rapaciñ@s

A xornada, organizada polo CPEIG e Amtega no Colexio Calasanz, é de balde e está dirixida a nais e pais para previr riscos na Internet

Nenos e nenas de entre 8 e 14 anos poderán participar en diferentes obradoiros

O día 24 de outubro, o Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña acollerá a xornada Rapaciñ@s, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O horario do evento, que é gratuíto, vai de 18:30 a 20:30 horas.

Nais, pais e docentes aprenderán as vantaxes das novas tecnoloxías e como previr os riscos que tamén presentan. Namentres os adultos asisten a unha charla dun colexiado do CPEIG, os nenos participan en obradoiros de programación e robótica educativa. Cómpre inscrición previa en: eventos@cpeig.gal.

Rapaciñ@s é un programa de charlas informativas que percorren Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

Límites e oportunidades

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" resultaron destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións naceu a iniciativa Rapaciñ@s.