Os Obradoiros TIC Emprende de Economía e Industria impulsan a consolidación e o crecemento das pemes do sector TIC
A Consellería pon en marcha unha nova serie de obradoiros ata setembro para axudar á mellora competitiva e á busca de novos mercados das empresas TIC
O programa TIC Emprende está dirixido ás pemes e micropemes tecnolóxicas
Máis de 80 empresas participaron nesta iniciativa o pasado exercicio
A Consellería de Economía e Industria puxo hoxe en marcha, mediante un taller desenvolvido en Santiago, unha nova edición do Programa TIC Emprende, que ten como obxectivo presentar novas tendencias e oportunidades de negocio para as empresas TIC que contribúan a orientar os seus procesos de innovación e a afianzar o seu posicionamento no mercado.
A Consellería que dirixe Javier Guerra pon en marcha esta nova serie de obradoiros prácticos co obxectivo de contribuír á implantación efectiva de procesos de mellora nas empresas TIC, a través do emprego de novas técnicas e ferramentas de xestión empresarial, que conduzan a súa consolidación e a un incremento significativo da súa competitividade.
A directora de BIC Galicia, Maite Cancelo, deu comezo a este seminario, organizado en colaboración con Feuga, e salientou a importancia da creación e o desenvolvemento de empresas baseadas nas novas tecnoloxías para asentar unha tendencia de crecemento consolidable no tecido produtivo.
Durante o ano 2011 máis de 80 empresas participaron nos diferentes obradoiros organizados ao amparo do programa TIC Emprende, que tiveron unha excelente acollida por parte das novas empresas tecnolóxicas. Nesta edición, os diferentes obradoiros que terán lugar en Santiago, A Coruña e Vigo e o programa formativo basease nunha metodoloxía de traballo interactiva e práctica, orientada a analizar a situación particular das empresas participantes. As sesións formativas son guiadas por un consultor especialista na implantación de novas técnicas de xestión.
Esta iniciativa formativa diríxese ás empresas do sector TIC, fundamentalmente a pemes e microempresas en fase de consolidación, sendo o seu público obxectivo os empresarios, directivos, responsables de área, técnicos e profesionais. Durante estes obradoiros abordaranse temas de especial relevancia para o sector, tales como as oportunidades de negocio baseadas no software libre e os chamados ecosistemas open, as estratexias avanzadas na internacionalización de empresas TIC, o deseño rápido de novos modelos de negocio ou o TIC branding ou a xestión de marcas no sector TIC.
O primeiro dos obradoiros deste ano desenvolveuse hoxe, 28 de maio, na sede da Fundación Universidade Empresa (FEUGA) en Santiago de Compostela. No próximo mes de xuño, o día 20, desenvolverase na Fundación Barrié de la Maza, na Coruña, o encontro TIC Branding, sobre Creación, Desenvolvemento e xestión de marcas no sector TIC. O día 5 de xullo, o taller será sobre Estratexias avanzadas para a internacionalización de empresas TIC, e desenvolverase en Vigo, no CITEXVI. Finalmente, o 25 de setembro será a quenda do obradoiro sobre Deseño rápido de novos modelos de negocio, que volverá a acoller a sede de Feuga en Santiago.