Os institutos Terra de Soneira de Vimianzo e o Ramón Cabanillas de Cambados gañadores do I Concurso Curtas co Móbil

Mércores 06 de Xuño de 2012

Os institutos Terra de Soneira de Vimianzo e o Ramón Cabanillas de Cambados gañadores do I Concurso Curtas co Móbil

Participaron un total de 22 curtametraxes realizadas por mozos e mozas de 8 centros educativos galegos de entre 14 e 20 anos de idade

O proceso de votación realizouse mediante o sistema ‘Gústame’ de Facebook, a través do portal Facebook/IMit Xunta, que recibiu 17.800 visitas en tres semanas

O obxectivo era espertar a creatividade dos estudantes galegos e fomentar o traballo en equipo para difundir as actividades das aulas CeMIT

A Rede CeMIT da Xunta, integrada por 98 centros presentes en 92 concellos ten como obxectivo promover o uso das TIC entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital

A capital galega acolleu hoxe a entrega de premios aos gañadores do I Concurso Curtas co Móbil, convocado pola Xunta de Galicia entre mozos da ESO e Bacharelato da Comunidade para difundir as posibilidades que ofrecen as Aulas da Rede CeMIT na formación en novas tecnoloxías.

O acto estivo presidio pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, o secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e os alcaldes dos concellos de Vimianzo e Abegondo de cuxas aulas CeMIT partiu a idea.

Premios

O IES Terra de Soneira de Vimianzo resultou gañador do primeiro premio coa curtametraxe “Os perigos das Redes Sociais”, conseguindo un netbook para o centro e un Ipod para cada un dos cinco alumnos que participaron na iniciativa. O segundo premio foi para a curta “Un lapis e un vello papel” realizado por cinco alumnos do IES Ramón Cabanillas de Cambados, que tamén recibiron un Ipod cada un e unha videocámara para o centro.

O terceiro premio recaeu novamente no centro Terras de Soneira pola curta “As novas tecnoloxías”. Neste caso o galardón foi unha cámara dixital para o centro e un Ipod para cada un dos tres alumnos que elaboraron a curta. O proceso de votación realizouse mediante o sistema ‘Gústame’ de Facebook, a través do portal Facebook/IMit Xunta, que recibiu 17.800 visitas en tres semanas.

Vintedúas curtas

En total presentáronse 22 curtametraxes realizadas co móbil, matriculados na ESO ou no Bacharelato de oito centros educativos da Comunidade galega. Da provincia da Coruña participaron o CPI de Xanceda, Mesía o IES Eduardo Pondal de Santiago, o IES Terra de Soneira de Vimianzo, o CPI O Cruce de Cerceda. Da provincia de Pontevedra o IES Manuel García Barros da A Estrada, o IES Ramón Cabanillas de Cambados e o IES María Soliño de Cangas. E da provincia de Ourense o Colexio María Inmaculada de Verín.

As curtas que entraron na fase final foron realizadas por mozos e mozas entre 14 e 20 anos de idade, individual ou colectivamente e destacaron pola súa calidade e orixinalidade. Ademais puxeron de manifesto a destreza dos participantes á hora de plasmar a temática obxecto deste concurso relacionada coas funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT como referente no acceso á formación en novas tecnoloxías e o seu impacto na vida cotiá. As curta tiñas que ser gravadas co móbil e non durar máis de 2 minutos.

Este concurso, que convocou por primeira vez na Administración autonómica a través de Facebook, tiña como finalidade espertar a creatividade audiovisual dos estudantes e fomentar o traballo en equipo para dar a coñecer as posibilidades que se abren no campo da formación e coñecemento das novas tecnoloxías que ofrecen as actividades programadas nas aulas de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta (CeMIT) do seu concello ou comarca. Actualmente a Rede conta con 98 aulas presentes en 92 concellos galegos e este ano ofrece máis de 3.000 cursos gratuítos.

Axentes implicados

Os obxectivos do certame eran espertar a creatividade audiovisual dos estudantes galegos, fomentar o traballo en equipo e dar a coñecer as posibilidades que se abren no campo da formación e o coñecemento das novas tecnoloxías que se veñen ofrecendo a través das actividades programadas nas aulas CeMIT dos distintos concellos e comarcas galegos.

Os estudantes contaron coa axuda activa da comunidade educativa e dos responsables das aulas CeMIT. Así, neste programa implicouse tanto ao alumnado -como creador das curtametraxes-, como aos centros educativos -como titores dos alumnos participantes e facilitadores das inscricións das curtas que os representaron-, e aos responsables das aulas CeMIT, que se encargaron da difusión, resolución de dúbidas, validación e recollida das inscricións e traballos presentados ao concurso.