Os fogares galegos con internet de banda larga contratada superan o 70%
Nos últimos catro anos a fenda en contratación de banda larga reduciuse 7,2 puntos coa media estatal e en 10,3 puntos coa media europea
O incremento máis importante rexistrouse nos concellos de menos de 10.000 habitantes, que concentran o 82% da poboación de Galicia
Entre 2012 e 2015 os municipios con menos de 5.000 aumentaron a porcentaxe de fogares con servizo de internet en máis dun 60% e no segmento de 5.000 a 10.000 habitantes en máis do 56%
Os concellos galegos con máis de 50.000 superan a media galega, estatal e europea cunha porcentaxe de contratación de internet do 80,4%
A contratación de internet a través de banda larga en fogares con nenos en idade escolar obrigatoria supera en 22,5 puntos porcentuais aos fogares sen rapaces
Sete de cada dez internautas galegos interactuou coas Administracións Públicas a través de Internet, cun crecemento do 6,8% no último ano e superando a media estatal e europea
A porcentaxe de galegos que compra a través da rede segue medrando e sitúase no 36%
A contratación de Internet mediante banda larga en Galicia acada o 71,4% dos fogares, cun ritmo de crecemento superior á media estatal e europea. O crecemento porcentual de Galicia durante os años 2012-2015 foi do 34,5% fronte ao 16,6% en España e ao 11,1% na Unión Europea.
Este incremento permitiu que en catro anos Galicia recortase en 7,2 puntos a fenda en contratación de banda larga coa media estatal e en 10,3 puntos coa media Así se desprende dos resultados do “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos 2015”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Amtega.
Hábitat e outros factores influentes no uso das TIC
O incremento máis importante rexistrouse nos concellos de menos de 10.000 habitantes, que concentran o 82% da poboación de Galicia e nos que a fenda dixital era máis acusada.
Entre 2012 e 2015 os municipios con menos de 5.000 aumentaron a porcentaxe de fogares con internet en máis dun 60% e no segmento de 5.000 a 10.000 habitantes en máis do 56%. Os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes superan a media galega e no caso dos de máis de 50.000 superan a media galega, estatal e europea cunha porcentaxe de contratación de internet do 80,4%.
Ademais do hábitat o informe do OSIMGA constata que a presenza de nenos no fogar é directamente proporcional a maior uso das TIC. Así a contratación de internet a través de banda larga en fogares con nenos/as en idade escolar obrigatoria supera en 22,5 puntos porcentuais aos fogares sen nenos/as.
Respecto a uso de internet, a porcentaxe de persoas que usaron a rede nos últimos tres meses crece no último ano e sitúase no 70,7%. A idade é un factor determinante neste indicador, acadando niveis de uso do 98,2% no tramo de idade entre os galegos de 16 e 24 anos, nun valor moi similar ao do conxunto do estado (98,5%). Ata os 44 anos, Galicia converxe coa media estatal e mesmo a supera lixeiramente no tramo de idade de 25 a 34 anos. Nas idades comprendidas entre os 65 e 74 anos o uso de internet sitúase no 21%.
Os galegos superan a media estatal e europea no uso da eAdministración
Galicia sobresae na interacción coas AAPP a través de Internet, por riba da media estatal e europea. A interacción coas administracións públicas para a obtención dalgún tipo de información, foi do 69,1%, cun crecemento do 6,8% en Galicia no último ano. Ademais da evolución positiva deste indicador, Galicia supera a media estatal e europea, cunha vantaxe de 12,3 puntos respecto á España e respecto de Europa, de 20,1 puntos, cun crecemento positivo para o período 2012-2015 na nosa Comunidade dun 16,3%.
Outra interacción habitual coas administración públicas é a descarga de formularios a través de Internet durante os últimos 12 meses, que se incrementou nun 6,4% durante o 2015 en Galicia, acadando o 56,4%. Este indicador, tamén é máis elevado en Galicia que en España ou Europa, cunha vantaxe de 13,4 puntos porcentuais respecto de España, e de 22,4 puntos respecto de Europa. O crecemento no período 2012-2015 a nivel galego, foi do 18,2%.
O terceiro indicador de interacción coas administracións públicas a través de Internet referido ao envío de formularios cumprimentados segue a mesma tendencia positiva dos anteriores. Novamente a evolución do indicador resulta moito máis elevada a nivel galego (un 55,8%) que estatal (un 17,1%) ou europeo (14,3%) no período 2012-2015, o que sitúa a Galicia por riba da media estatal e europea. O envío de formularios cumprimentados é o segundo dos trámites máis realizados coas administracións públicas en Galicia, cun 63,4%.
A porcentaxe de internautas que compran a través de Internet nos tres últimos meses (36%) segue medrando, superando o valor rexistrado no ano anterior en 6,5 puntos porcentuais e cun crecemento relativo dun 22%.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org