Os empresarios xa poden presentar por vía telemática documentación para o Rexistro Xeral de Contratistas

Sábado 01 de Outubro de 2011

Os empresarios xa poden presentar por vía telemática documentación para o Rexistro Xeral de Contratistas

A Consellería de Facenda mellorou a súa web para facilitarlle ás empresas enviar documentación, consultar os seus datos e obter certificados da súa inscrición

O Portal de Contratación Pública de Galicia permite acceder a todos os servizos electrónicos, informáticos e telemáticos de contratación

Esta iniciativa enmárcase na busca dunha Administración austera, eficiente e cercana ao cidadán

A Consellería de Facenda, dentro do Plan Estratéxico 2010-2014 – Galicia 2020, aposta polo achegamento da Administración autonómica á sociedade e pola súa conversión nunha administración máis áxil, moderna e eficiente coa eliminación de barreiras e trámites.

A secretaria xeral Técnica e do Patrimonio, Rosa María Pedrosa, explicou que este departamento introduciu unha serie de melloras na súa web, www.conselleriadefacenda.es, que lle van permitir ás empresas actualizar en tempo real os seus datos no Rexistro Xeral de Contratista de Galicia.

Desta forma, os empresarios xa poden enviar telematicamente a declaración responsable anual sobre a vixencia dos datos que constan no Rexistro, un documento que deben entregar obrigatoriamente todos os anos os 4.000 inscritos. En caso de que non presente causarían baixa.

Tamén poden realizar de forma telemática a declaración, nos casos que proceda, da exención de pagamento do Imposto de Actividades Económicas; así como a autorización para que por parte do rexistro e en nome da empresa se soliciten directamente á Axencia Tributaria, á Consellería de Facenda e á Seguridade Social os datos relativos ao cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Rosa María Pedrosa salientou que a concesión desta autorización evita que o empresario teña que obter cunha periodicidade semestral, estes datos e posteriormente envialos á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio para a súa actualización no rexistro. Por outra banda, engadiu que pode obter en calquera momento o certificado de inscrición cos datos actualizados da súa empresa así como consultar, sempre que o desexen, os seus datos rexistrais.

A web da consellería de Facenda convértese, así, nun canal de comunicación, sinxelo e cómodo, que permite o acceso, entre outras, a estas prestacións telemáticas. Para iso, só se precisa que os apoderados das empresas que figuren inscritos no Rexistro dispoñan dun certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre (FNMT), clase 2.

A secretaria xeral Técnica e do Patrimonio insistiu en que estes avances, ao mesmo tempo que permiten ofrecerlles un mellor servizo ás empresas coa eliminación de custos de correos, desprazamentos e procesos repetitivos, supoñen un paso máis na racionalización administrativa e na simplificación de procedementos ao permitirlles aos órganos de contratación do sector público galego coñecer en tempo real a situación rexistral e obter directamente os certificados de inscrición dos licitadores.

Rosa María Pedrosa lembrou que esta actuación hai que enmarcala nunha aposta moito máis ampla e ambiciosa da consellería na que se inclúen, tamén, a contratación pública electrónica, a tramitación da factura electrónica, a Plataforma de Contratos públicos de Galicia. Así, a recente posta en marcha do Portal de Contratación Pública de Galicia (SICON) permite acceder a todos os servizos electrónicos, informáticos e telemáticos que a Xunta de Galicia desenvolveu en materia de contratación pública.

Esta é unha das estratexias na busca dunha Administración austera, eficiente e cercana ao cidadán que ten entre os seus obxectivos a eliminación progresiva do papel e a aposta por unha administración on line, na liña das prioridades marcadas no Plan Estratéxico 2010-2014-Galicia 2020.