Os concellos lucenses de Ribeira de Piquín, Vilalba e Pol incorporáronse onte ao sinal dixital da TDT

Martes 23 de Marzo de 2010

Os concellos lucenses de Ribeira de Piquín, Vilalba e Pol incorporáronse onte ao sinal dixital da TDT

Hoxe, martes, o apagado analóxico afectará aos concellos pontevedreses da Cañiza, Covelo e unha parte de Vilagarcía; máis aos lucenses de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol.

Serán preto de 45.000 galegos máis os que, a partir de hoxe, verán exclusivamente a TDT.

Un total de 18.000 veciños dos concellos lucenses de Ribeira de Piquín, Vilalba e Pol reciben desde onte exclusivamente o sinal dixital da TDT. Estes tres municipios, que pertencen á área técnica do Páramo (Lugo), son os que nesta xornada se viron afectados polo proceso de apagado analóxico que atravesa a súa última fase en Galicia. Este acendido dixital tamén afectou parcialmente aos concellos de Abadín, Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito.

Cómpre sinalar que a xornada está a transcorrer con absoluta normalidade sen que, polo de agora, se teñan producido incidencias destacables.

Hoxe, martes 23 de abril, apagarase o sinal analóxico nos emisores da ‘Cañiza’ e ‘Carril’, situados na Área Técnica de Domaio, e que implicará a chegada da emisión dixital aos concellos da Cañiza, Covelo e unha parte de Vilagarcía. Isto propiciará que outras 10.108 persoas poidan ver exclusivamente a TDT.

Ademais, tamén hoxe, haberá apagados na área técnica do Páramo, nos emisores de ‘Becerreá’, ‘Conforto’, ‘Pontenovo’, ‘Pontenovo I’, ‘Vilameá’, ‘San Paio’ e ‘Viveiro’. Este apagado permitirá a chegada do sinal dixital a máis de 34.000 galegos dos concellos de Becerreá, A Pontenova, Viveiro e Ourol.

Fases I e II
Como resumo pódese dicir que esta terceira e última fase do apagado analóxico, que comezou o pasado día 10 e que rematará o vindeiro venres, 2 de abril, finalizará cubrindo a transmisión da TDT en todos os concellos da área técnica do Páramo e Domaio, que recollen os núcleos máis poboados do conxunto da comunidade.

Así, o apagado da área técnica do Páramo afectará a 45 concellos, que suman 273.992 habitantes; mentres que, na área técnica de Domaio, serán 31 municipios, un total de 694.000 veciños, os que reciban o sinal da TDT.

Polo de agora, máis de millón e medio de galegos ven xa exclusivamente a TDT tras a conclusión das fases I e II do Plan nacional para o apagado analóxico, que se desenvolveron entre o 18 de xaneiro e o 1 de febreiro. Isto supón que o 56% dos cidadáns da nosa Comunidade, pertencentes a 203 concellos, quedaron incorporados á TDT

Recomendacións aos usuarios
A Xunta continúa co servizo de atención telefónica ao cidadán sobre a TDT co obxectivo de dar unha resposta máis áxil ás posibles dúbidas que lle poidan xurdir sobre todo este proceso tecnolóxico. Neste sentido funciona –como xa sucedeu durante a primeira fase de implantación da TDT- o teléfono 012 ou o 981572154, para atender as consultas. Os cidadáns tamén poderán obter información a través da páxina web www.tdtgalicia.es.

Pola súa banda, desde a Secretaría Xeral de Medios recoméndase aos cidadáns a instalación dos adaptadores da TDT, comprobando a correcta orientación da antena, sen agardar ás datas fixadas para o apagado analóxico, dado que, no 98% dos casos, xa se pode recibir o sinal da televisión dixital. Ínstase, polo tanto, a que se verifique a correcta recepción da TDT nestes días, dada a proximidade de datas festivas nas que non poderán recibir a atención dos técnicos instaladores.