Os concellos e as deputacións poden adherirse desde hoxe de xeito dixital ao convenio entre a Xunta e a Fegamp para o desenvolvemento da administración electrónica
A Administración autonómica habilitou a través do portal Eido Local un servizo para a adhesión en liña ao acordo que impulsa a integración das TIC nas entidades locais e provinciais
Coa subscrición deste convenio os municipios poderán integrarse nas actuacións previstas na iniciativa eConcellos, que impulsa a implantación da administración electrónica nos concellos galegos
Grazas as accións postas en marcha con esta iniciativa máis de 100 concellos galegos porán en marcha a tramitación electrónica en 35 procedementos durante o vindeiro ano
Durante o 2011 iniciarase a posta a diposición dos concellos do sistema de factura electrónica
Xa está en marcha o servizo de certificación e sinatura dixital que permite a obtención dos certificados dixitais necesarios para que as entidades locais dispoñan das ferramentas precisas para o desenvolvemento da administración electrónica
A Xunta, a través do portal da administración local de Galicia “Eidolocal”, vén de habilitar un novo servizo de adhesión en liña ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais da Comunidade autónoma de Galicia.
Coa subscrición deste acordo as entidades locais poderán integrarse nas actuacións previstas na iniciativa eConcellos, que a través de dúas liñas estratéxicas, seis áreas de actuación e 17 iniciativas está a impulsar a implantación da administración electrónica nos concellos galegos.
Comisión de Seguimento
O proceso de adhesión dos concellos a este Plan que ten como obxectivos completar o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais e garantir niveis homoxéneos de servizos dixitais para todos os cidadáns, comeza un día despois de que a comisión de Seguimento do Plan analizara as actuacións desenvolvidas ata agora. Foi a primeira reunión desta comisión que quedou constituída desde onte.
Na xuntanza estiveron presentes a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, o director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jaime Bouzada, o director xeral de Función Pública, José María Barreiro, a secretaria xeral da Consellería de Facenda, o presidente da Fegamp, Carlos Fernández Castro e representantes das deputacións provinciais.
Procedementos telemáticos para as entidades locais
Para poder facer efectiva a implantación dos procedementos administrativos en formato electrónico nos concellos está prevista a creación da Comisión galega de validación de procedementos, da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e os concellos e que permitirá dotar de seguridade xurídica e coordinar todas as administracións locais de Galicia.
A tal fin, no marco da devandita Comisión elaborarase o Catálogo de procedementos telemáticos para a implantación efectiva da eAdministración nos concellos de Galicia.
O obxectivo é que en 2011 estean implantados 35 procedementos en formato electrónico en 104 concellos seleccionados. Para complementar este proceso desenvoleranse tamén, campañas de sensibilización e un plan de formación, especialmente dirixidos aos diferentes perfís existentes: políticos, secretarios e interventores, funcionarios, colectivos colexiados e finalmente aos cidadáns.
Servizos de certificación e sinatura dixital
En virtude do contrato asinado en outubro de 2010 coa Fábrica Nacional de Moneda e Timbre xa está en marcha o servizo de certificación que permite a obtención dos certificados dixitais necesarios para que as entidades locais dispoñan das ferramentas precisas para o desenvolvemento da administración electrónica.
Ademais, están dispoñibles as guías de uso e documentación explicativa, que están publicadas no portal iMIT así como en EidoLocal, e estanse a configurar os formularios de solicitude para que a tramitación se faga de xeito telemático.
Sistema de factura electrónica
A Xunta de Galicia puxo en marcha unha plataforma propia de facturación electrónica. O sistema de facturación electrónica inclúe un espazo na web dedicado aos provedores para o rexistro e seguimento das facturas e un espazo dedicado ao persoal da administración para a xestión das facturas recibidas. No 2011 ponse a disposición das administracións locais o sistema de facturación electrónica da Xunta de Galicia, o que permitirá simplificación e axilización dos trámites de relación entre os concellos e os seus provedores.
Portal EidoLocal
Entre os avances do Plan desde a súa posta en marcha o pasado mes de abril están os novos servizos incorporados ao portal EidoLocal que é a ferramenta a través da que se xestionará maioritariamente a relación electrónica entre a Xunta de Galicia e as entidades locais.
Como complemento ás actividades de implantación impartíronse 150 horas de formación repartidas en 10 convocatorias sobre os servizos que se prestan ás entidades locais relacionados co Portal Eido Local.
Actualmente, estase a traballar no deseño e modelado de todos os procedementos susceptibles de ser informatizados entre a Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza e os concellos galegos, así como a reestruturación do portal de Internet para poder realizar a tramitación electrónica destes procedementos.