O volume de negocio do sector TIC galego superou os 2.200 millóns de euros en 2010
O ano pasado Galicia rexistrou 1.767 empresas tecnolóxicas o que supuxo un crecemento do 14,6% respecto a 2009
Preto do 90% do tecido empresarial TIC está composto por microempresas e a maioría dos seus clientes son galegos
Estes datos revelan que o reto do sector neste momento está na internacionalización e na cooperación para impulsar o seu crecemento
O nivel de emprego no sector TIC situouse nos 15.851 traballadores, o que representa o 1,57% da poboación ocupada galega
O informe dos datos do Osimga revela a aposta do sector pola innovación xa que nos últimos dous anos case o 26% das empresas desenvolveron actividades de I+D+i cun investimento de máis de 40 millóns de euros
Unha das principais fortalezas de Galicia neste área é a elevada porcentaxe de profesionais formados no ámbito tecnolóxico
No curso 2008-2009, 687 persoas tituláronse en Enxeñaría en Informática ou Telecomunicacións nas Universidades Galegas, o 7,2% do total de titulados no Sistema Universitario Galego
O número de empresas galegas do sector TIC de Galicia no ano 2010 ascendeu a 1.767 e o seu volume de negocio superou os 2.200 millóns de euros. Así se recolle nas “Enquisas sobre a Sociedade da Información nas empresas do sector TIC en Galicia 2010”, que vén de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
O estudo revela que Galicia conta cun sector tecnolóxico con capacidade de crecemento e co reto de avanzar na súa internacionalización. A enquisa afonda ademais noutros aspectos como o nivel de emprego, o grao de innovación do sector, as actividades formativas relacionadas coas tecnoloxías ou a percepción estratéxica do sector e as prospectivas de mercado.
Crecemento
No período 2009-2010 o sector TIC galego experimentando un crecemento do 14,6%, o que sitúa a Galicia como a sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector tecnolóxico. Cómpre destacar que o 94,3% das empresas do sector TIC son microempresas e o 5,7% son empresas de 10 e máis empregados.
Segundo a actividade que desenvolven, a maioría das empresas TIC en Galicia son as que realizan informáticas (49%), seguidas das comerciais (25,7%). As máis minoritarias son as de telecomunicacións (6,1%) e as manufactureiras (4,9%).
Volume de negocio
O volume de negocio das empresas TIC galegas superou os 2.200 millóns de euros no ano 2010. Un 87,8% do volume de negocio corresponde a clientes galegos e un 9,8% ao resto de España. Os principais clientes das empresas TIC galegas son as empresas adicadas ao sector servizos e as empresas con menos de 10 asalariados. Estes datos poñen de manifesto que en Galicia as empresas do sector teñen por diante o reto da internacionalización, un obxectivo no que tamén se está a traballar desde a Xunta.
Por outra banda, un 51,3% das empresas TIC galegas considera o sector está nunha fase de consolidación ou expansión mentres que preto dun terzo (31,7%) confía en que a tendencia de evolución futura do sector tecnolóxico nos tres próximos anos será expansiva, a escasa distancia das que cren que será estable (30,4%).
Emprego e titulados
O nivel de emprego no sector TIC situouse no ano 2010 nos 15.851 traballadores, o que representa o 1,57% da poboación ocupada galega, porcentaxe similar á do ano anterior (1,59%). Destes traballadores, un 23,5% son autónomos (3.720 autónomos).
Unha das principais fortalezas de Galicia no ámbito tecnolóxico é a formación dos profesionais na área tecnolóxica. No curso 2008-2009, 687 persoas tituláronse en Enxeñaría en Informática ou Telecomunicacións nas Universidades Galegas. Isto representa o 7,2% sobre o total de persoas tituladas no Sistema Universitario Galego. Por iso, é necesario poñer atención nas medidas destinadas a atraer e consolidar persoal cualificado ao sector e fomentar a retención de coñecemento nas empresas.
Menos mulleres
Analizando as funcións dos traballadores desde a perspectiva de xénero, constátase unha menor presenza da muller no sector TIC. Apenas o 28,1% do persoal das empresas TIC galegas son mulleres. Os homes teñen maior presenza en todos os postos das empresas tecnolóxicas, agás nos administrativos, de maior presenza feminina.
O volume de negocio das empresas TIC galegas superou os 2.200 millóns de euros no ano 2010 dos cales case o 90% corresponde a clientes galegos o que pon de manifesto que o sector ten por diante o reto de incrementar os índices de exportación.
Máis innovación e formación
As empresas tecnolóxicas galegas experimentan unha evolución positiva nun aspecto fundamental para o seu futuro, a Innovación. Os últimos resultados das enquisas do OSIMGA veñen a constatar que as empresas TIC galegas están a apostar firmemente polo potencial da innovación: No período 2008 – 2010, case o 26% das empresas desenvolveron actividades de I+D+i investindo máis de 40 millóns de euros. No período 2008-2010, un 42,1% das empresas TIC introduciu innovacións nos seus bens e un 34,1% incorporou servizos novos ou mellorados un 13,1% das empresas TIC galegas dispoñen de certificación de calidade.
Ademais, cada vez existe maior constancia por parte dos traballadores da necesidade de formación para adaptarse ás cambiantes necesidades do sector. Así o reflicte o importante incremento acadado na porcentaxe de traballadores que asistiron a actividades formativas TIC promovidas polas empresas, pasando do 61,5% no 2008 ao 79,1% no 2010. As principais áreas de interese en formación TIC son: a administración de sistemas operativos, seguridade informática, protección de datos e redes e sistemas de telecomunicacións.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org