O vindeiro 15 de abril o Centro Demostrador TIC acolle a presentación dunha plataforma en liña especializada no ámbito da formación
WekAb é unha ferramenta desenvolta en Galicia, que facilita o contacto entre expertos e formadores con empresas formadoras.
É unha das iniciativas empresarias de Galicia Open Future.
A sesión demostradora será o 15 de abril en horario de 10.00 a 12.00 horas nas instalacións do CDTIC.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o día 15 de abril unha sesión demostradora que leva por título “Wekab.com: oportunidades de traballo como formador” (https://cdtic.xunta.es/weKAb-formadores) que se desenvolverá en horario de 10.00 a 12.00 horas.
Nesta actividade vaise presentar a plataforma en liña WeKAb, unha ferramenta que pon en contacto a expertos e formadores con empresas formadoras, de forma áxil e co factor reputación como eixe central. Os profesionais deste ámbito poden, grazas a WeKAb, darse a coñecer, xerar reputación, formarse e ser accesibles ás empresas formadoras. Trátase dun proxecto cualificado como IEBT (Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica) pola Xunta de Galicia que actualmente participa no programa Galicia Open Future de Telefónica, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o IGAPE.
Esta sesión demostradora está especialmente deseñada para formadores de formación continua e ocupacional, profesionais sénior por conta propia ou allea que queiran dedicarse á formación como actividade complementaria. Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.