O terceiro módulo do programa formativo de Voluntariado Dixital aborda experiencias prácticas de innovación social a través das TIC
Innovación social e territorio, Living Labs, Crowdfunding, Smart Cities e cultura a través da participación cidadán, centrarán as xornadas do 3 e o 4 de xullo
A participación é de balde e as inscricións realizaranse a través da web www.voluntariadogalego.org antes do día 2 de xullo
Poderá seguirse en Twitter co hashtag #innovacionDIX e por videoconferencia nas aulas CeMIT de A Coruña, Sada, Ortigueira, Fisterra, Barreiros, O Vicedo, Ourense, Verín, Leiro, Celanova, Pontevedra, Valga, A Cañiza e Poio
Os días 3 e 4 de xullo o Programa de Voluntariado Dixital, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, celebra o III módulo do seu Plan de Formación 2014 baixo o título “Innovación Social. Experiencias prácticas”.
As xornadas son gratuítas e pódese participar en modalidade presencial no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) en Santiago de Compostela ou ben a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de A Coruña- Centro Cívico de Eirís, Sada, Ortigueira, Fisterra, Barreiros, O Vicedo, Ourense, Verín, Leiro, Celanova, Pontevedra, Valga, A Cañiza e Poio. Ademais, poderá seguirse a través do Twitter co hashtag #innovacionDIX. Os interesados en participar poderán formalizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón da web de voluntariado galego: http://www.voluntariadogalego.org/web/modulo.php?mod=cur. Ver programa
Innovación social a través das TIC e Living Labs
Na xornada do día 3 de xullo, Fernanda Jaramillo Polo, CEO de Social&Tech experta en e-inclusión, empregos dixitais e tendencias TIC e con máis de 14 anos de experiencia como directora de proxectos TIC socialmente innovadores, introducirá aos asistentes no concepto de innovación social como medio de afrontar os novos retos da sociedade transformándoos en oportunidades de emprego.
Pechará esta xornada Rurais Lab, unha comunidade de innovación centrada nos usuarios, ubicada en Galicia e que ten como obxectivo innovar ao redor das necesidades da muller no medio rural. Rurais Lab constitúe un exemplo claro de laboratorio cidadán para a innovación social que impulsa o uso das TIC no entorno rural, como elemento de dinamización entre todos os membros do Espazo Social de Innovación.
Financiamento para a innovación social
A xornada do día 4 de xullo comezará amosando aos participantes como financiar proxectos innovadores a través da rede grazas á intervención de Asier Basterretxea, director Corporativo da plataforma de financiación colectiva SociosInversores.es. Esta plataforma constitúe unha Rede Global de unión entre os empresarios que necesitan capital e os inversores que desexen participar en proxectos empresariais e que conta cunha rede de máis de 3.000 inversores nacionais e internacionais activos con presenza en 19 países.
eCultura a través da participación cidadá
A xornada continuará amosando experiencias prácticas de proxectos TIC que integran a participación cidadá nos ámbitos da Cultura e das cidades como laboratorios de innovación social.
No contexto da eCultura a través da participación cidadá Manuel Gago, reputado xornalista e director de culturagalega.org, amosará Patrimoniogalego.net. unha Wikipedia do noso patrimonio, construída a partir das achegas de todos os cidadáns galegos que queiran participar a través da rede. Neste mesmo contexto, Daniel Cerqueiro, xerente de Abertal Networks presentará Phottic, unha aplicación desenvolvida para xeorreferenciar fotografía antiga sobre Street View de Google e recuperar o patrimonio fotográfico a través da cidadanía.
Smart cities: a cidade como laboratorio de innovación social
No ámbito das Smart Cities, David Trillo, director executivo en Avansig, amosará City Juice, unha ferramenta para a xestión e difusión de datos xeográficos que se acaba de presentar na localidade de Ribeira, e que mediante a participación de empresas e cidadanía, avanza no camiño de converter este municipio nunha verdadeira smart city.
City Juice é un entorno dixital onde se conectan persoas e se difunden recursos dunha localidade. Pechará a xornada César González, CEO de Contact Comunicación e responsable de desenvolvemento de Orama, un canal móvil de promoción de actividades socio culturais, deseñado para que calquera poida subir a información desde esta web.
O Plan de Formación VolDIX 2014
Como cada ano, o Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pon en marcha o seu Plan de Formación que se está a desenvolver entre o 19 e xuño e o 11 de xullo. Este ano, co título “Innovación e transformación dixital 2.0”, ten como obxectivo desenvolver as capacidades das persoas e as organizacións como axentes impulsores da innovación social a través das novas tecnoloxías.
O programa estrutúrase en 4 módulos de 8 horas de duración cada un, que poden ser cursados de maneira independente.
Programa de Voluntariado Dixital
O Programa de Voluntariado Dixital foi posto en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías a un maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda la cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
Esta iniciativa suma a solidariedade individual, 340 voluntarios, xunto coa participación de 78 entidades de acción social. As actividades do programa beneficiaron no 2013 a 4.300 persoas e a Comisión Europea seleccionou esta iniciativa programa para ser analizada nun Peer Review a nivel europeo como boa práctica en materia de inclusión dixital.