O sumario do caso Carioca non foi obxecto de ningún ataque informático

Mércores 04 de Maio de 2011

O sumario do caso Carioca non foi obxecto de ningún ataque informático

En novembro de 2009 produciuse unha incidencia informática que bloqueou o acceso á información por parte dos usuarios

Este fallo non provocou a perda de ningún dato ou documento nin se produciu o acceso de ningún pirata informático

Tras constatar a precariedade dos sistemas informáticos xudiciais, o actual Goberno galego puxo en marcha en 2009 un Plan de Medidas Urxentes para reforzar e mellorar as plataformas tecnolóxicas do ámbito xudicial

O seguinte paso foi a posta en marcha do Plan Senda 2014 para integrar as TIC de xeito definitivo na Xustiza en Galicia

O sumario do caso Carioca non foi obxecto de ningún ataque informático. Como xa se explicou no seu día, en novembro de 2009 produciuse unha incidencia informática que bloqueou o acceso á información por parte dos usuarios. Este incidencia non provocou en ningún momento a perda de ningún dato e tampouco se produciu o acceso de ningún pirata informático.

Outra incidencia detectada no 2010 foi a aparición de declaracións cruzadas na documentación do sumario, aclarada tamén con Xulgado que instrúe o caso e que tampouco se produciu por ningún ataque informático. Por outra banda, o acceso de técnicos aos sistemas informáticos está previsto nas tarefas de administración dos mesmos.

Plan de Medidas Urxentes
Tras analizar a situación dos sistemas informáticos da Xustiza en Galicia e constatar a precariedade dos mesmos, o actual Goberno galego puxo en marcha en xuño de 2009, catro meses antes de que xurdira a incidencia no Xulgado de Lugo, un Plan de Medidas Urxentes para reforzar e mellorar as plataformas tecnolóxicas dos sistemas informáticos do ámbito xudicial da Comunidade que non se resolveran nos anos anteriores. A Xunta considera o ámbito xudicial un dos eidos prioritarios nas súas actuacións en materia tecnolóxica.

Este Plan de Medidas Urxentes foi o primeiro paso para mellorar o sistema informático que dá servizo aos xulgados galegos o seguinte, xa en marcha, é o Plan Senda 2014 que ten como obxectivo integrar as TIC na Xustiza, e que é a primeira folla de ruta para consolidar unha infraestrutura tecnolóxica e de servizos robusta e fiable que permita avanzar na integración das novas tecnoloxías no eido xudicial da Comunidade.

No período 2009-2010 a Xunta de Galicia investiu preto de 5 millóns de euros na mellora de servizos, equipamentos e infraestruturas tecnolóxicas do ámbito xudicial galego. Unhas actuacións que teñen continuidade no Plan Senda, que conta cun orzamento de 34 millóns de euros e ten como horizonte o ano 2014.