O Servizo Galego de Saúde acada un fito na implantación da receita electrónica na nosa comunidade autónoma que xa chega ao 97%

Martes 07 de Xuño de 2016

O Servizo Galego de Saúde acada un fito na implantación da receita electrónica na nosa comunidade autónoma que xa chega ao 97%

Segundo os datos do gasto farmacéutico de xaneiro de 2013, Galicia reduciu o seu gasto farmacéutico respecto do mesmo mes do ano anterior en 8,04 millóns de euros

A porcentaxe de prescrición de xenéricos pasou do 10,7% no 2009 ao 36,4% da actualidade

A porcentaxe de prescrición de receita electrónica acadou xa en Galicia o 96,72%, o que supón un fito histórico na nosa comunidade, quedando o 3,28% restante para as emitidas en papel, segundo o que se desprende dos últimos datos de gasto farmacéutico.

Esta importante mellora tivo lugar nestes últimos anos, nos que se pasou das 386 farmacias con e-receita no 2009 ás 1.358 farmacias no 2012 (o 100%). Asemade, os centros de atención primaria con e-receita pasaron de ser 44 no 2009 a estar, na actualidade, implantado na totalidade dos centros de saúde e hospitais da rede do Sergas.

Ademais, neste mes de xaneiro pasado, Galicia reduciu o seu gasto farmacéutico, respecto do mesmo mes do ano 2012, en 8,04 millóns de euros, o que supón un 11,81%. Así mesmo, o gasto medio por receita no mes de xaneiro situouse en 11,63 euros, o que tamén tradúcese nunha diminución do 1,70% respecto ao valor que tiña no mesmo mes de 2012.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde continúan apostando polas medidas de racionalización postas en marcha a través do impulso de boas prácticas de prescrición e do bo uso do medicamento, realizando unha xestión eficiente dos recursos dispoñibles.

Ademais de impulsar o Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos tamén se puxeron en marcha outras medidas como a ampliación do programa de atención farmacéutica nas residencias sociosanitarias, o programa de fomento de boas prácticas de prescrición con novos obxectivos e o traballo conxunto da Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica cos profesionais e sociedades científicas.

Outro dato para destacar é a evolución da prescrición de medicamentos xenéricos na nosa comunidade, xa que pasamos de ser das últimas comunidades en canto á porcentaxe de prescrición de xenéricos no ano 2009 (10,76%) a ocupar unha posición intermedia no momento actual (36,47%).