O Sergas desenvolve ferramentas informáticas de acceso a perfís profesionais individuais para a mellora da xestión asistencial
O obxectivo desta medida é proporcionar aos profesionais información que permita coñecer as características da poboación atendida e os indicadores do seu desempeño facilitar a súa autoavaliación
Sanidade mantén o seu firme compromiso de modernizar o sistema sanitario, e de que os profesionais dispoñan dos mellores instrumentos para facer posible unha prestación próxima e de calidade, no menor tempo posible
O Servizo Galego de Saúde continúa a apostar por incorporar as iniciativas que permitan mellorar a asistencia sanitaria aos cidadáns de Galicia, como as novas tecnoloxías de información e comunicación. Neste sentido, o Sergas está a realizar a implantación de ferramentas informáticas de acceso a perfís profesionais individuais para a mellora da xestión asistencial.
O obxectivo desta medida é proporcionar aos profesionais información que permita coñecer as características da poboación atendida e os indicadores do seu desempeño -presentados en comparación cos seus compañeiros e con estándares da Consellería ou do Ministerio de Sanidade– e facilitar a autoavaliación.
A información publícase periodicamente, e cada profesional accede co seu usuario e contrasinal, visualizando só a información que lle corresponde e gardando rexistro de todos os accesos.
Actualmente, o sistema proporciona información dos ámbitos da poboación asignada, a prescrición farmacéutica e a prescrición da incapacidade temporal. Así, o perfil de poboación asignada proporciona recontos dos cidadáns con tarxeta sanitaria incluídos no seu cupo; recolle os cidadáns novos e as baixas nel; e amosa a frecuentación de citas en Atención Primaria.
Mellora na calidade da prescrición
Pola súa banda, o perfil de prescrición farmacéutica en receitas recolle os indicadores básicos desta prescrición, coa finalidade de fomentar a utilización de medicamentos xenéricos e mellorar a calidade da prescrición nas patoloxías de maior prevalencia, entre outros.
Ademais, o sistema incorpora un perfil de accesos ás historias clínicas electrónicas, de xeito que o profesional pode coñecer os accesos ás historias clínicas de pacientes realizados por el mesmo ao longo do último período, facilitando así que cada profesional sexa consciente da súa propia actividade. Deste xeito, poténciase a concienciación do profesional sobre a necesidade de garantir os dereitos do doente a súa intimidade persoal e familiar.
A Consellería de Sanidade é consciente da importancia crecente da tecnoloxía no sector sanitario, tanto dende o punto de vista asistencial como dende o do seu impacto económico nos orzamentos do Servizo Galego de Saúde e no custe sanitario.
Polo tanto, mantén o seu firme compromiso de modernizar o sistema sanitario, e de que os profesionais dispoñan dos mellores instrumentos para facer posible unha prestación próxima e de calidade, no menor tempo posible.