O sector tecnolóxico galego mantén o mesmo volume de emprego directo dende o ano 2009

Sábado 30 de Marzo de 2013

O sector tecnolóxico galego mantén o mesmo volume de emprego directo dende o ano 2009

En 2012 volveu rexistrar un promedio de afiliacións á Seguridade Social superior aos 15.000 traballadores, que representan unha taxa de emprego do 1,6%

A provincia da Coruña concentra máis da metade do emprego no sector TIC galego no ano 2012, con 8.377 traballadores, seguida de Pontevedra con 4.700

Galicia conserva a sexta posición como a Comunidade do Estado con máis empresas tecnolóxicas, preto de 2.000

O sector tecnolóxico galego rexistrou en 2012 un promedio de 15.473 afiliacións á Seguridade Social, o que representa o 1,6% da poboación ocupada galega, porcentaxe que se mantén invariable desde o ano 2009. A pesar da actual conxuntura económica, o emprego neste sector mantense por riba dos 15.000 traballadores nos catro últimos anos.

Durante o pasado ano contabilízanse un total de 1.976 empresas do sector TIC na Comunidade, o que supón un incremento do 4,2% en relación ao 2011. Deste xeito, Galicia mantén a sexta posición como Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector tecnolóxico.

Son datos recollidos no informe sobre a “Situación do emprego no sector TIC e no sector da economía do coñecemento en Galicia”, elaborado polo Observatorio para a Sociedade da Información en Galicia (Osimga), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

No ano 2012 o sector TIC empregou un promedio de 5.886 mulleres e 9.587 homes, o que representa un reparto porcentual o 38% e o 62% respectivamente e amosa a existencia dunha fenda de xénero que aumenta en 6 décimas en relación ao ano anterior.

A distribución territorial do emprego amosa unha polarización da actividade nas provincias da Coruña e Pontevedra, que concentran o 85% dos traballadores do sector TIC e do sector da economía do coñecemento en Galicia.

Sector da Economía do Coñecemento
O informe indica que o sector tecnolóxico representa máis do 50% do volume de emprego no conxunto das actividades agrupadas na economía do coñecemento, entre as que se atopan o sector dos contidos, o sector da biotecnoloxía, o sector editorial e as axencias de publicidade.

O volume de emprego no sector da economía do coñecemento acada os 30.369 traballadores no ano 2012. Aínda que se reduce en 1.374 as afiliacións en relación ao ano anterior, a taxa de emprego no sector da economía do coñecemento mantense no 3,2% dende o ano 2011.

A distribución do emprego no sector da economía do coñecemento segundo o xénero presenta unha distribución semellante á identificada no sector TIC. Catro de cada dez traballadores do sector da economía do coñecemento son mulleres (40,7%) e durante 2012 reduciuse en dúas décimas a fenda de xénero no conxunto do sector

En canto á distribución territorial, a provincia da Coruña concentra máis da metade do emprego no sector da economía do coñecemento (53,6%), contabilizando 16.268 traballadores, seguida de Pontevedra cun 32,6%.