O Secretario Xeral de Medios destaca que as 94 aulas da rede CeMIT, presentes xa en 88 concellos galegos, son un referente tecnolóxico en toda Galicia para superar a fenda dixital
Salienta que as aulas CeMIT “poñen a tecnoloxía ao servizo de todos os galegos”, incluso na emigración, e que no pasado mes de febreiro albergaron 200 eventos cun uso horario diario nalgunhas aulas de ata 8 horas
Resalta que a rede abrangue xa todas as comarcas de Galicia onde actúa como punto de encontro, de formación e de promoción multimedia
O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, salientou hoxe o grao de implantación da rede CeMIT en Galicia, que conta con 94 aulas presentes en 88 concellos galegos e se ten convertido nun referente tecnolóxico na nosa comunidade. Cabaleiro destacou que a Xunta está a cumprir o compromiso de que cada cidadán poida contar cunha aula CeMIT a menos de trinta minutos do seu lugar de residencia.
Así o manifestou hoxe no acto de posta en marcha das aulas CeMIT dos concellos de Noia e Tui, no que ambos os dous centros conectaron a través de videoconferencia e que contou coa presenza dos alcaldes de ambas as dúas localidades, Rafael García e Antonio Feliciano Fernández, respectivamente. Ao respecto, o secretario xeral de Medios apelou, precisamente, a “aproveitar as sinerxías” e a “xuntar esforzos” entre as administracións locais e a autonómica para conseguir que as tecnoloxías da información e da comunicación nos axuden a salvar distancias físicas e superar a fenda dixital.
O secretario xeral de Medios garantiu o apoio da Xunta aos concellos no mantemento tecnolóxico das aulas, para o que se destinan anualmente 560.000 euros para o servizo de centro de atención a usuarios e de soporte técnico.
A tecnoloxía ao servizo de todos os galegos
Na súa intervención, Cabaleiro destacou que as 94 aulas que compoñen a Rede de Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica abrangue xa todas as comarcas de Galicia onde funcionan como lugares de encontro, de formación e promoción multimedia. Aludiu, así, á campaña Comunícate, posta en marcha pola Secretaría Xeral de Medios, que conseguiu integrar asociacións, centros educativos e outras entidades no uso destes espazos.
Salientou, ademais, que “poñen a tecnoloxía ao servizo de todos os galegos”, incluso na emigración grazas ao uso da vodeoconferencia, e que no pasado mes de febreiro albergaron 200 eventos cun uso horario diario nalgunhas aulas de ata 8 horas