O secretario xeral de Medios comparecerá a petición propia no Parlamento galego para explicar o proceso de acendido dixital que se inicia o vindeiro luns

Mércores 13 de Xaneiro de 2010

O secretario xeral de Medios comparecerá a petición propia no Parlamento galego para explicar o proceso de acendido dixital que se inicia o vindeiro luns

O vindeiro venres, día 15, o secretario xeral de Medios ofrecerá unha rolda de prensa para explicarlle aos medios de comunicación todos os aspectos deste proceso de apagado analóxico.

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, solicitou a comparecencia urxente na Comisión 1ª Institucional, da Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento galego para informar sobre o proceso de apagado analóxico e acendido dixital que se inicia o vindeiro luns, 18 de xaneiro e que estará rematado o próximo 3 de abril.

O secretario xeral de Medios solicita esta comparecencia a petición propia unha vez que a Xunta de Galicia e o Goberno central teñen ultimado as datas do apagamento analóxico.

Alfonso Cabaleiro Durán xa compareceu, tamén a petición propia, no Parlamento galego para informar de todo este proceso de dixitalización o pasado mes de xuño. Durante estes meses producíronse distintos contactos e xuntanzas con alcaldes e representantes dos distintos grupos políticos para informalos deste proceso de transición á TDT.

Así mesmo, o vindeiro venres, día 15, pola mañá, o secretario xeral de Medios ofrecerá unha rolda de prensa para explicarlle aos medios de comunicación todos os aspectos deste proceso de apagado analóxico.