O Rexistro de Demandantes do Plan de Banda Larga recibiu máis de 760 solicitudes de servizo de Internet desde principios de 2011

Domingo 02 de Decembro de 2012

O Rexistro de Demandantes do Plan de Banda Larga recibiu máis de 760 solicitudes de servizo de Internet desde principios de 2011

A aplicación informática ReDe permite aos cidadáns consultar os avances do Plan no seu núcleo de poboación e rexistrar demandas de cobertura

Está dispoñible na páxina da Amtega http://imit.xunta.es e recibiu máis de 380 visitas diarias

O Plan facilitou o acceso a Internet a máis de 570.000 galegos sen cobertura en 2009

O Rexistro de Demandantes ReDe permitiu atender un total de 765 solicitudes de cobertura de Internet do Plan de Banda Larga da Xunta. Esta aplicación informática foi posta en marcha en xaneiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para que os cidadáns puideran consultar a situación do Plan de Banda Larga no seu núcleo de poboación e rexistrar a súa demanda de servizo en caso de carecer de cobertura.

A día de hoxe resolvéronse máis do 75% das demandas rexistradas e as restantes estanse a tramitar. ReDe está dispoñible na páxina da Axencia para a Modernización Tecnolóxica http://imit.xunta.es, e recibiu máis de 8.500 visitas, unha media de 380 diarias en menos de dous anos.

Ferramenta de fácil manexo

ReDe é unha ferramenta de consulta sinxela e de fácil manexo. O usuario interesado en coñecer os avances do Plan na súa zona a través de ReDe só precisa un ordenador con conexión a Internet e un navegador web. Na dirección http://imit.xunta.es atopa un enlace para acceder a Rede e xa na páxina principal o usuario pode elixir a súa provincia, concello, parroquia e núcleo.

Unha vez seleccionado o núcleo o usuario visualiza un mapa no que se indica a situación actual de cobertura na zona que está a proporcionar o Plan de Banda Larga e cal dos operadores é o responsable do despregamento. No caso de que as actuacións do Plan, que se prolongarán ata finais de 2013, no chegaran á zona se informa de cando se porán en marcha. Aquelas persoas sen acceso á Internet  poden cubrir un formulario cos seus datos quedando rexistrada a súa demanda. Esta información permite ademais realizar un seguimento do plan e contribúe á planificación das actuacións previstas.

Actualización de datos

O Plan de Banda Larga, que ten en marcha todas as actuacións previstas, permitiu o acceso á Internet a máis de 570.000 galegos que carecían de cobertura en 2009. Grazas aos  despregamentos do Plan a porcentaxe de poboación con cobertura pasou do 71% en 2009 ao 92% a día de hoxe.

Estas actuacións continuarán ata o 2013 ata chegar ao 100% da poboación. Por iso, a información de ReDe estase a actualizar a medida que avanzan os despregamento das actuacións do Plan de Banda Larga.