O Proxecto Stamar achega as últimas novidades tecnolóxicas galegas ao sector naval

Luns 18 de Maio de 2015

O Proxecto Stamar achega as últimas novidades tecnolóxicas galegas ao sector naval

Arredor de 30 pemes deste eido participaron en dous workshops celebrados en Vigo e Ferrol.

Son dúas das actividades previstas no ciclo de xornadas do Proxecto STAMAR, que continuara o 12 de xuño cunha demostración tecnolóxica sobre a xestión portuaria, seguridade marítima e industria naval.

STAMAR é unha iniciativa impulsada pola Xunta, a través da Amtega en colaboración coa GAIN e 7 entidades de referencia no eido da transferencia tecnolóxica dos outros catro países socios.

A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), en colaboración coa Asociación Clúster do Naval Galego, vén de celebrar, no marco do Proxecto STAMAR, dous workshops de divulgación e transferencia tecnolóxica orientados ao eido naval.

Os pasados día 14 e 15 de maio arredor de 30 empresas do sector tiveron a oportunidade de coñecer as últimas innovacións – potencialmente aplicables a súa área – dispoñibles en Galicia. Os workshops foron organizados en Vigo e Ferrol, cidades nas que se concentran os dous focos de produción naval da Comunidade.

En concreto, as pemes asistentes puideron comprobar as solucións tecnolóxicas aportadas por proxectos como Conforship e SMARTYards (presentados por AIMEN en representación do partenariado de ambos proxectos), RIMDRIVE (presentado por VICUS DT), Ecofirec (SOERMAR) e os servizos tecnolóxicos relacionados coa sensorización ofertados polo ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia).

As xornadas remataron cunha mesa debate na que os centros tecnolóxicos e as pemes do naval asistentes analizaron as necesidades do sector naval en relación coa oferta tecnolóxica existente. Tarefa enriquecedora á hora de fomentar o fluxo de información e traballo conxunto entre ambas partes.

Ciclo de xornadas STAMAR en Galicia
Estes obradoiros de traballos son dúas das actividades previstas no ciclo de xornadas do Proxecto STAMAR, cuxo primeiro evento foi o 6 de maio presentando no CNTG as mellores tecnoloxías identificadas para o sector pesqueiro. O ciclo continuará o vindeiro dia 12 de xuño cunha demostración tecnolóxica vencellada á xestión portuaria, seguridade marítima e industria naval.

Proxecto STAMAR
O proxecto STAMAR, que conta cun orzamento total de 1.341.881,81 € repartido entre nove socios, ten como obxectivo contribuír a mellorar a competitividade e a capacidade de innovación das PEMES do sector marítimo do Espazo Atlántico, favorecendo os procesos de transferencia tecnolóxica a través da creación dun centro transnacional demostrador das capacidades e tecnoloxías aplicables á industria marítima, prestando especial atención a aquelas tecnoloxías que favorecen o desenvolvemento económico e comercial, preservando a biodiversidade e facilitando un desenvolvemento sostible co medio ambiente.