O proxecto ‘Libro de Pedra’, promovido por Cultura e Turismo e que permite realizar unha visita virtual á Catedral de Santiago, recibe o premio ‘Architectural 3d Awards’
A iniciativa ‘Libro de Pedra’ consiste nun paseo virtual pola Catedral e a cidade de Santiago e enmarcase no proxecto europeo ‘Loci Iacobi’. Lugares de Santiago. Lieux de Saint Jacque’s de revitalización do Camiño en Galicia, Francia e Portugal
O premio ‘Architectural 3D Awards’, que outorga CGArchitect.com, é o recoñecemento máis importante neste campo a nivel mundial, onde se premia aos mellores traballos de arquitectura dixital nos campos de película de arquitectura, imaxe arquitectónica e presentación en tempo real
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo asistiu hoxe ao acto de entrega do premio Architectural 3D Awards á aplicación Libro de Pedra, que permite realizar unha visita virtual á Catedral de Santiago e ao casco histórico de Compostela. Este paquete de aplicacións e contidos esta promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, e foi desenvolvida polos equipos de Ilux Visual Technologies e o Grupo de Visualización Avanzada VideaLAB da Universidade da Coruña a través da Fundación da Enxeñería Civil de Galicia. O proxecto Libro de Pedra consiste nun paseo virtual pola Catedral e a cidade de Santiago e se enmarca no proxecto europeo Loci Iacobi. Lugares de Santiago. Lieux de Saint Jacques de revitalización do Camiño en Galicia, Francia e Portugal.
O premio Architectural 3D Awards o outorga CGArchitect.com, un recoñecido portal de arquitectura dixital. Trátase do recoñecemento máis importante neste campo a nivel mundial, onde se premia aos mellores traballos de arquitectura dixital de todo o mundo nos campos de película de arquitectura, imaxe arquitectónica e presentación en tempo real. Esta cerimonia de premios enmárcase dentro do Festival Internacional de Animación, Efectos Especiais, Videoxogos e Arquitectura Dixital, Mundos Dixitais, que celebra o seu décimo aniversario nesta primeira semana de xullo, nunhas xornadas onde se ofrecen conferencias de primeiro nivel a cargo prestixiosos relatores nacionais e internacionais.
Máis de 60.000 fotografías
A aplicación Libro de Pedra é unha ferramenta web que utiliza as novas tecnoloxías para amosar cun nivel de detalle sen precedentes a capital de Galicia e o seu monumento máis emblemático. A aplicación permite ademais coñecer en profundidade a historia da Catedral, consagrada polo rei Alfonso IX o 21 de abril de 1211. En Libro de Pedra a innovación tecnolóxica ponse ao servizo da cultura e o patrimonio histórico nun proxecto para o que se realizaron máis de 60.000 fotografías de alta resolución. Pódese acceder dende calquera parte de mundo a esta aplicación a través do seguinte enderezo web: http://www.turgalicia.es/librodepedra
O interior da Catedral pode visualizarse dende calquera punto de vista a través de imaxes totalmente inmersivas. A través desta aplicación, o usuario pode desprazarse dende calquera parte do mundo ao interior da basílica. O Museo catedralicio tamén se pode visualizar a través de imaxes esféricas que permitirán ao usuario internarse en todas as súas estancias. As imaxes panorámicas que se ofrecen de Santiago cobren a totalidade da cidade dende diferentes puntos de vista. A riqueza das prazas e rúas do casco histórico tamén pode admirarse con especial relevancia a través de imaxes en 360 graos.
Cooperación europea
Esta iniciativa insírese dentro do proxecto europeo Loci Iacobi. Lugares de Santiago, Lieux de Saint Jacques, do que a Secretaría Xeral para o Turismo é xefe de fila. O seu obxectivo é o de investigación, promoción e dinamización turística e cultural vinculada ao Camiño de Santiago nos territorios socios (España, Francia e Portugal) como itinerario cultural de alto valor histórico.
Outro dos obxectivos deste proxecto para os tres socios integrantes – Secretaría Xeral para o Turismo, Baixo Alentejo de Portugal e Auvergne en Francia - responde tamén á necesidade de apoiar a diversificación da economía aproveitando os recursos culturais e naturais para ofertar un produto turístico singular: o Camiño de Santiago en Portugal e Francia como nexo de unión entre os pobos. O proxecto conta co apoio da Unión Europea a través do Programa Operativo de Cooperación Transnacional no Espazo Sudoe 2007-2013.
Visualización 3D interactiva da Catedral
O proxecto inclúe unha instalación museística baseada nun sistema multitáctil onde o usuario interactúa, a través das súas mans sobre a pantalla, cunha maqueta virtual tridimensional da Catedral accedendo ao mesmo tempo a información específica de cada elemento relevante do conxunto. Nunha primeira achega o usuario accede á contorna e o casco antigo da cidade en tres dimensións, situándoa xeograficamente como centro onde converxen diferentes camiños de peregrinación.
A través da interfaz o visitante pode interactuar coas súas mans cun modelo virtual da Catedral de Santiago, podendo explorar e analizar mediante diferentes procedementos como achegamentos, encadres, xiros e seccións por calquera plano en tempo real.