O proxecto ENTIC liderado por Economía e Industria achega ás pemes galegas medidas de eficiencia enerxética

Luns 18 de Agosto de 2014

O proxecto ENTIC liderado por Economía e Industria achega ás pemes galegas medidas de eficiencia enerxética

Os interesados en participar nesta iniciativa poden dirixirse ao Igape ou inscribirse contestando a enquisa que localizarán na web www.entic.eu.

A iniciativa achega a empresas e profesionais servizos e instrumentos de formación, diagnóstico e asesoramento para implantar medidas de eficiencia e diversificación enerxética

No desenvolvemento deste proxecto de cooperación transfronteiriza participan o Inega, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a CEP, a CEO a Agência de Energia do Ave, o INEGI e asociacións empresariais do norte de Portugal

A Consellería de Economía e Industria está a liderar o proxecto ENTIC de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal, que ten por obxectivo favorecer o desenvolvemento e a incorporación ás pemes de medidas de eficiencia enerxética e solucións e ferramentas TIC que reduzan as emisións contaminantes á atmosfera. Neste sentido, os interesados en participar na iniciativa poden dirixirse ao Igape ou inscribirse contestando a enquisa que localizarán na web www.entic.eu.

O proxecto, liderado polo Igape e que conta tamén co Inega como socio de referencia, aspira a reducir os consumos e os custos enerxéticos das empresas participantes, como tamén as emisións contaminantes, ao tempo que se estimulan novas oportunidades de negocio e de emprego neste ámbito de actividade. Así, facilítase a empresas e profesionais servizos e instrumentos de formación, diagnóstico e asesoramento para implantar este tipo de medidas.

Deste xeito, a iniciativa achegará melloras competitivas ás empresas da eurorrexión apoiando a súa transición cara a modelos enerxéticos sostibles e intelixentes baseados, principalmente, nas solucións achegadas polas tecnoloxías da información e das comunicacións.

Ademais do Igape e do Inega, participan no proxecto o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO). E pola parte portuguesa, a Agência de Energia do Ave (AEdoAVE), o Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (INEGI), a União das Associações Empresariais da Região Norte (UERN) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

O novo proxecto de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Norte de Portugal, financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), conta cun orzamento total de 689.683,34 euros, do que a Consellería de Economía e Industria achega 278.350 a través do Igape e do Inega.