O Proxecto Abalar finalista dos premios Fundetec 2012

Sábado 09 de Febreiro de 2013

O Proxecto Abalar finalista dos premios Fundetec 2012

Máis de 43.000 alumnos de 533 centros escolares galegos se benefician desta iniciativa, que busca o cambio do modelo educativo a través das TIC

Á VIII Edición dos Premios Fundetec optaban un total de 216 proxectos de entidades públicas, privadas e sen ánimo de lucro procedentes das 17 comunidades autónomas

O Proxecto Abalar, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), foi seleccionado como finalista dos VIII Premios Fundetec 2012 na categoría de Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada dirixida a Cidadáns.

Ás catro categorías dos Premios Fundetec 2012 optaban un total de 216 proxectos de entidades públicas, privadas e sen ánimo de lucro procedentes das 17 comunidades autónomas. Os catro gañadores, elixidos por un Xurado composto por personalidades de recoñecido prestixio do ámbito da Sociedade da Información e a innovación, daranse a coñecer o vindeiro xoves 21 de febreiro en Madrid.

Abalar busca o cambio do modelo educativo a través das TIC. O obxectivo é mellorar as competencias da comunidade educativa a través dunha estratexia integral que contempla a modernización do ensino, a formación do profesorado, a dotación de equipamento nos centros educativos e o desenvolvemento e utilización de contidos e recursos dixitais.

Máis de 43.000 alumnos beneficiados 
O proxecto Abalar, que se puxo en marcha en 2010, beneficia xa a máis de 43.000 alumnas e alumnos de 533 centros escolares, o que significa que xa está implantado no 50% dos centros educativos galegos con educación primaria e secundaria obrigatoria. Estes alumnos desenvolven a súa formación en aulas completamente dixitais, no que tanto eles como os profesores empregan dispositivos tecnolóxicos na aprendizaxe. Ademais, outros 15.000 alumnos de 645 colexios contan con kits de aula dixital que permiten a introdución e aproveitamento da tecnoloxía no proceso de aprendizaxe.

Unha das claves de Abalar é formación do profesorado para o que durante este curso están programado 286 actividades de formación, o que supón 10.324 horas de formación para 5.049 docentes e 197 coordinadores Abalar. Nos tres anos de implantación do proxecto téñense impartido xa 35.902 horas en 978 actividades de formación, das que se beneficiaron 17.529 docentes e coordinadores.

O espazoAbalar, a plataforma do proxecto a través da cal se favorece a intercomunicación entre familias, docentes e alumnado, ten rexistradas desde a súa posta en marcha a finais do 2010, mais de 1.100.000 visitas e máis de 1 millón de descargas de materiais didácticos do Repositorio de Contidos Dixitais.

Fundetec
A Fundación para o Desenvolvemento Infotecnolóxico de Empresas e Sociedade (Fundetec), nace en outubro de 2004 como resultado dun esforzo conxunto entre a Administración Pública e o sector privado para crear un marco colaborador estable para potenciar o desenvolvemento da Sociedade da Información en España.

A misión de Fundetec céntrase no cumprimento de dous obxectivos claros: impulsar a adopción e o uso xeneralizado das TIC por parte de cidadáns, empresas e institucións, e incrementar a penetración de Internet nos fogares españois e na pequena e mediana empresa.