O programa Voluntariado Dixital acadou en seis meses a adhesión de máis de 200 persoas voluntarias e 74 empresas, asociacións, concellos e organismos públicos

Sábado 25 de Agosto de 2012

O programa Voluntariado Dixital acadou en seis meses a adhesión de máis de 200 persoas voluntarias e 74 empresas, asociacións, concellos e organismos públicos

A finais de setembro abrirase unha nova convocatoria para a incorporación de persoas voluntarias

Nos últimos tres meses realizáronse unha decena de apoios dixitais aos que se sumarán outros trinta ata finais de setembro

A Amtega porá en marcha o vindeiro mes un grupo de traballo coas entidades adheridas ao programa sobre “Tecnoloxía social, accesibilidade e usabilidade” para impulsar a cooperación entre o sector tecnolóxico e o de acción social na Comunidade

Desde a posta en marcha o Programa Voluntariado Dixital, o 1 de febreiro, ata o 31 de xullo, un total de 42 entidades de acción voluntaria, 13 organismos colaboradores e 19 empresas do sector tecnolóxico asinaron os protocolos de colaboración nos que se establece a súa participación no Programa de Voluntariado Dixital.

A este apoio de entidades colaboradoras e mecenas dixitais hai que sumar a dos 202 voluntarios que se adheriron á iniciativa en febreiro e que poñen á disposición das entidades de acción voluntaria o seu tempo e os seus coñecementos naqueles proxectos relacionados coas TIC que se vaian lanzando no marco deste programa.

O Programa de Voluntariado Dixital está impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Voluntariado. O obxectivo fundamental do programa, para este ano é estender a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federación de persoas con discapacidade.

Novas iniciativas
Para o próximo semestre, o programa ten entre os seus obxectivos aumentar o número de persoas voluntarias para o que se abrirá a segunda convocatoria para adhesión de voluntarios a finais do mes de setembro.

Tamén o vindeiro mes porase en marcha un grupo de traballo sobre “Tecnoloxía social, accesibilidade e usabilidade” co obxectivo de elaborar un Plan de Acción nesta materia que cumpra a premisa de achegar as tecnoloxías a todas as capas da poboación para axudar a mellorar a vida das persoas.

Xestión de apoios dixitais
As máis de 200 persoas voluntarias adheridas completaron a finais de maio o Programa Formativo VolDIX e están comezando a desenvolver a súa actividade. Xa se iniciaron preto dunha decena de apoios dixitais, tras a solicitude das entidades de acción voluntaria, que se irán incrementando paulatinamente.

Está previsto que entre xullo e setembro máis de 30 voluntarios e voluntarias participen noutras tantas actividades para achegar ás TIC a maiores e persoas con discapacidade nas aulas da Rede CeMIT dos concellos adheridos ao programa.

Entre algúns dos apoios dixitais desenvolvidos destaca a participación dos voluntarios nas xornadas de Xuventude Galicia.net o pasado mes de maio ou a colaboración na Aula CeMIT de Santiago de Compostela para a " Elaboración de presentacións co Programa Prezi", solicitado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios-AGARESO o mes de xuño.

Tamén as empresas tecnolóxicas que actúan como mecenas iniciaron a súa actividade. É o caso de IGALIA, que formou aos axentes TIC da Rede CeMIT e a voluntarios dixitais sobre a accesibilidade do escritorio libre GNOME.

Actividades de difusión e adhesión
Para difundir os seus obxectivos e impulsar a adhesión de novos voluntarios o programa estivo presente en seminarios e xornadas de diferentes ámbitos como a organizada pola Universidade Senior da UDC en maio baixo o título “O envellecemento activo: Voluntariado Senior ” ou no encontro Xuventude Galicia.net colaborando con COGAMI para informar das actividades que realiza o Centro de Recursos de Persoas con Discapacidade que esta entidade ten en Lugo.

Tamén se deu a coñecer o contido do programa no I encontro do Club de Amigos da Tecnoloxía SociaL, organizado en Galicia pola Fundación Tecnología Social, en colaboración coas asociacións TICs galegas AGESTIC, EGANET E INEO (organismos colaboradores do programa voluntariado dixital). O obxectivo desta xornada era coñecer diferentes boas prácticas no ámbito da tecnoloxía social, onde empresarios, emprendedores, investigadores e institucións participantes, amosaron os seus modelos de negocio baseados nas tecnoloxías responsables e como a tecnoloxía pode e debe axudar a mellorar a vida das persoas.