O Programa Femora do Sergas permitirá mellorar a seguridade dos pacientes a través dun sistema de formación continua virtual
O proxecto posibilita acceder a información e recursos educativos de xeito que os profesionais os poden ver no momento en que os precisan
Para o seu funcionamento, repártense códigos QR polos distintos elementos do lugar de traballo e o sistema permite escanealos e ver contidos con vídeo, imaxes, enlaces e texto
A xerente do Servizo Galego de Saúde visitou hoxe o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago para coñecer de primeira man este iniciativa
A xerente do Servizo Galego de Saúde, Mª Nieves Domínguez González, visitou hoxe o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, para comprobar os avances da iniciativa piloto do Proxecto de Formación para Persoal de Enfermería con Mobilidade e Realidade Aumentada (Proxecto Femora).
Trátase dun sistema de formación continua virtual e utilización sinxela que posibilita acceder a información e recursos educativos de xeito que os profesionais os poidan ver no momento en que os precisan e no seu propio lugar de traballo.
Esta iniciativa está baseada nun sistema de teléfonos móbiles e códigos QR que permite solucionar as dúbidas máis frecuentes do persoal durante os seus primeiros meses de traballo nunha determinada unidade, así como as dos profesionais que desexen especializarse nun servizo concreto.
Para o seu funcionamento, repártense códigos QR polos distintos elementos do lugar de traballo, e o programa Femora permite escanealos, buscar información relacionada –definicións, materiais empregados, técnicas, etc.- e informarse sobre un protocolo determinado. Por exemplo, cando o profesional fotografía o código correspondente cun teléfono móbil pode ver nel de xeito inmediato como funciona unha máquina determinada ou acceder a un vídeo explicativo cos distintos pasos dun procedemento.
Vídeo, imaxes, enlaces e texto
A información está redactada de forma clara e os contidos inclúen vídeo, imaxes, enlaces e texto para facilitar a comprensión das mensaxes. Así mesmo, o programa permite facer unha actualización remota de todos os procedementos. Desta maneira, o proxecto Femora posibilita aumentar a seguridade dos pacientes, diminuír a variabilidade da práctica clínica e, en xeral, mellorar a eficiencia.
Ademais, o sistema achega outras ferramentas, como un índice de procedementos –e a posibilidade de descargalos-, un buscador e información adicional sobre temas relacionados, como os residuos hospitalarios ou unha guía farmacoterapéutica.
A xerente do Sergas –que estivo acompañada na súa visita polo director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela Rey, e o xerente de xestión integrada de Santiago, Luis Verde Remeseiro- destacou que este sistema permite unificar protocolos e asegurar que se cumpren sempre todos os pasos dos procesos.
Este tipo de proxectos, dixo, achegan solucións innovadoras ás necesidades reais detectadas polos profesionais, desenvolvendo novos servizos que facilitan un mellor aproveitamento dos recursos. Con eles, Galicia mantense como pioneira na utilización das tecnoloxías de información no eido sanitario.
Funcionamento do programa
O programa piloto implantouse na Unidade de Hemodiálise do CHUS, dirixido aos profesionais de enfermería, e a Xunta está estudando a súa extensión a outros centros e especialidades.
Decidiuse comezar no eido da enfermería por tratarse deste dun colectivo que conta cun constante movemento na etapa inicial da súa carreira profesional; que precisa dunha formación continua e especializada; e no que se percibe a necesidade de manexar nova instrumentación máis precisa e de actualización continua de estándares de funcionamento.
Tras a súa implantación, realizouse unha enquisa ao persoal que participou na experiencia piloto. Nela, a totalidade dos profesionais consultados consideraron que é un programa útil como ferramenta de consulta e que axuda a mellorar a práctica das técnicas.
Este programa enmárcase na Plataforma de Innovación do Servizo Galego de Saúde, que está a traballar dende principios do ano pasado apostando por aplicar fórmulas de I+D+i na modernización da sanidade pública. O seu obxectivo é buscar un novo modelo máis sostible e eficiente que poida, ao mesmo tempo, favorecer o desenvolvemento dun contexto de crecemento do tecido empresarial dun sector cunha ampla transversalidade.