O programa de voluntariado dixital da Xunta promove unha xornada formativa sobre busca de emprego a través das redes sociais dirixida a persoas con discapacidade

Mércores 14 de Novembro de 2012

O programa de voluntariado dixital da Xunta promove unha xornada formativa sobre busca de emprego a través das redes sociais dirixida a persoas con discapacidade

Voluntarios da empresa Ednon, mecenas dixital do programa, impartirán o seminario dirixido a persoas con discapacidade en situación de desemprego pertencentes á COGAMI

Desde a súa posta en marcha en febreiro o programa acadou a adhesión de máis de 200 persoas voluntarias e 74 empresas, asociacións, concellos e organismos públicos

O obxectivo é achegar ás novas tecnoloxías aos colectivos de persoas maiores e persoas con discapacidade grazas á suma da solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas TIC e o aproveitamento das infraestruturas públicas

O programa de voluntariado dixital da Xunta promove a celebración do seminario “A Busca de Emprego a través das redes sociais”. A xornada, que se celebra mañá, xoves 15 de novembro, será impartida por profesionais da empresa tecnolóxica Ednon, mecenas dixital do programa, a persoas con discapacidade en situación de desemprego pertencentes á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, organismo colaborador da iniciativa.

O obxectivo desta xornada formativa é que os alumnos coñezan as principais redes sociais para a busca de emprego e as súas funcionalidades. Os participantes coñecerán da man de profesionais do sector tecnolóxico as posibilidades que ofrecen canles como Linkedin, a principal rede social orientada especificamente a perfís profesionais pero tamén as posibilidades que ofrecen outras canles como Twitter ou Facebook e outros portais que publican ofertas de emprego como @portalparados ou @ticjob.

Máis de 200 voluntarios e 74 entidades públicas e privadas

O Programa de Voluntariado Dixital está impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Voluntariado, que puxeron en marcha esta iniciativa o pasado 1 de febreiro. O obxectivo fundamental do Programa para este ano é estender a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federación de persoas con discapacidade.

Para conseguilo a iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas TIC e o aproveitamento das infraestruturas públicas. Por iso conta coa colaboración e compromiso de persoas voluntarias, entidades de acción voluntaria, organismos públicos e privados e empresas que actúan como mecenas dixitais.

Desde a súa posta en marcha adheríronse ao Programa de Voluntariado Dixital un total de 42 entidades de acción voluntaria, 13 organismos colaboradores e 19 empresas do sector tecnolóxico. A este apoio de entidades colaboradoras e mecenas dixitais hai que engadir o dos 220 voluntarios que se sumaron á iniciativa en febreiro e que poñen á disposición das entidades de acción voluntaria o seu tempo e os seus coñecementos naqueles proxectos relacionados coas TIC que se están a lanzar no marco deste programa.

Ednon e Cogami: mecenas dixital e entidade colaboradora

Ednon é unha empresa integradora de servizos avanzados en tecnoloxías da información e da comunicación. Fundada en 2004 e de capital privado independente, opera en todo o territorio español a través das súas oficinas de Santiago de Compostela, Valladolid e Madrid. Ednon, que se adheriu ao Programa de Voluntariado como mecenas dixital, vén desenvolvendo iniciativas de acción social nas que colaboran de maneira activa os seus empregados, como a xornada que se celebra mañá. Neste sentido, Ednon destaca que un dos piares nos que se asenta a súa política de Responsabilidade Social Empresarial é o apoio á alfabetización, a capacitación e a inclusión dixitais.

Para a entidade colaboradora COGAMI, a incorporación das persoas con discapacidade ao mercado laboral é un dos elementos fundamentais na procura dun obxectivo moito máis ambicioso: a súa integración social e participación normalizada. Por iso e conscientes das oportunidades que as TIC e as novas formas de comunicación dixital poden proporcionar aos seus asociados demandan este programa formativo adaptado ás necesidades e capacidades das persoas con discapacidade ás que vai dirixido.