O Programa de Voluntariado Dixital da Xunta e a Biblioteca Nodal da Coruña comenzan o ano con novas actividades do ciclo "Falamos de... a informática fácil"
A biblioteca acollerá entre xaneiro e febreiro diferentes xornadas sobre o certificado de experiencia profesional e a reputación dixital, respectivamente.
O Ciclo busca introducir ás persoas maiores nas novas tecnoloxías dunha maneira práctica.
Un total 10 Voluntarios do Programa colaboraron en 17 das actividades desta iniciativa.
As actividades formativas son de balde, previa inscrición na web da biblioteca.
O Programa de Voluntariado Dixital da Xunta e a Biblioteca Nodal de A Coruña colaboran na celebración de novas actividades do Ciclo “Falamos de... a informática fácil” na aula CeMIT situada nas súas instalacións.
Xa está aberto o prazo de inscrición para dúas novas actividades que serán impartidas por voluntarios dixitais. A primeira delas, sobre o “Certificado de Experiencia Profesional”, comezará o vindeiro 28 de xaneiro e busca favorecer a empregabilidade dos asistentes, proporcionándolles información acerca do recoñecemento da experiencia profesional e o procedemento de acceso a unha acreditación oficial.
O ciclo “A intimidade na Internet: Presente e futuro da Reputación Dixital”, que comezará en febreiro, desenvolverase a través de dúas charlas e un obradoiro e afondará no ámbito das redes sociais e a reputación dixital
As persoas interesadas so precisan cubrir o formulario de solicitude que poden a topar en http://rbgalicia.xunta.es/coruna/index.php?subApartado=141 e as prazas asignaranse por rigorosa orde de petición.
Este ciclo formativo iniciou a súa andadura no mes de febreiro do pasado ano, co obxectivo de introducir ás persoas maiores nas novas tecnoloxías a través de actividades formativas de moi curta duración e cun carácter eminentemente práctico. Dende o seu comezo, levan desenvolvido xa 22 actuacións, todas elas gratuítas, das que 17 contaron coa partición de voluntarios e voluntarias dixitais. Así, os participantes puideron achegarse a temáticas como as redes sociais, o correo electrónico, o uso seguro de internet ou o retoque fotográfico entre outras.
Programa de Voluntariado Dixital
O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, que conta xa con máis de 400 persoas voluntarias. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas. Neste momento 70 Entidades de Acción Voluntaria que colaboran co Programa de Voluntariado Dixital para promover accións de alfabetización dixital que faciliten a e-inclusión da nosa sociedade e disminúan a fenda dixital.
Biblioteca comprometida coas TIC
A Biblioteca Pública Miguel Gonzáles Garcés comezou a súa participación no Programa de Voluntariado Dixital como Entidade de Acción Voluntaria hai 1 ano e leva desenvolvidas 17 actividades ao abeiro desta colaboración.
Ademais de ofrecer cursos de alfabetización dixital de programación propia, colabora coa Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, que ofrece formación en tecnoloxía a toda a sociadade.