O programa de Voluntariado Dixital da Xunta achega as TIC e o Software Libre aos internos do Centro de Inserción Social "Carmen Avendaño" de Vigo

Sábado 06 de Outubro de 2012

O programa de Voluntariado Dixital da Xunta achega as TIC e o Software Libre aos internos do Centro de Inserción Social "Carmen Avendaño" de Vigo

É o segundo taller dunha iniciativa da Amtega para formar en novas tecnoloxías a 70 internos dos sete centros penitenciarios galegos

Un voluntario dixital da Asociación Usuarios de Software Libre da Terra de Melide MELISA será o encargado de formar a 5 internos deste centro vigués entre o 7 e o 17 de outubro

O Programa Voluntariado Dixital da Xunta e a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA), entidade colaboradora do Programa, poñen en marcha mañá en Vigo o segundo dos talleres da iniciativa “Tecnoloxía e Software Libre nos Centros Penitenciarios Galegos”.

O proxecto, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías e o software libre a 70 reclusos dos sete centros penitenciarios existentes en Galicia.

Tras arrancar en xullo no Centro Penitenciario de Monterrroso, o programa continúa agora no Centro de Inserción Social (CIS) “Carmen Avendaño” de Vigo, no que cinco internos recibirán formación en TIC e software libre. O obxectivo desta iniciativa é promover a inserción laboral dos asistentes, ofrecéndolles formación eminentemente e práctica no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e do software libre.

As sesións formativas deste segundo taller desenvolveranse entre o 7 e o 17 de outubro na aula CeMIT de Chapela-Redondela e estará a cargo dun voluntario da Asociación Usuarios GNU/Linux de Ordes que compartirá o seu coñecemento cos internos.

Unha iniciativa do Programa de Voluntariado Dixital

Esta iniciativa enmárcase nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta en colaboración coa Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA), para favorecer a inserción laboral dos internos a través das TIC.

Para poder acadar os niveis de calidade desexados, seleccionase un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, e en colaboración coa dirección de cada centro. Con eles, formúlase un grupo de traballo intensivo, con atención personalizada e conexión permanente na práctica co equipo de formación.

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide

Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, MELISA, constitúese formalmente a finais do ano 2008, como resultado das inquedanzas de varios veciños de Melide, amantes da cultura libre e da tecnoloxía en xeral, e están a desenvolver múltiples actividades de difusión e promoción do software libre, alcanzando diferentes sectores sociais; educativo, empresarial, administración, etc.

MELISA é unha asociación adherida ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, e presta apoios dixitais en cinco actividades de fomento do software libre en Galicia. Ademais, está asociación tamén colabora do Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia e asinou un acordo coa Amtega para a difusión do software libre en Galicia no que se inclúe esta actuación nos centros penitenciarios galegos.

O Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo Carmen Avendaño

O Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo, inaugurado no ano 2006, está destinado a internos de réxime aberto. Conta con 67 habitacións, unha delas para discapacitados físicos, cociña, comedor, lavandería e zona deportiva.

Este CIS leva o nome de Carmen Avendaño Otero, en recoñecemento ao traballo desenvolvido durante anos en favor da reinserción e do tratamento social dos drogodependentes, fundamentalmente desde a asociación Érguete.