O programa de Voluntariado Dixital da Xunta achega as TIC e o Software Libre aos internos do centro penitenciario de Bonxe
É o cuarto taller dunha iniciativa da Amtega, que ten como obxectivo achegar a tecnoloxía e o software libre a 70 internos das prisións galegas
Un voluntario dixital da Asociación Usuarios de Software Libre da terra de Melide MELISA será o encargado de formar a 14 internos deste centro entre o 11 e 16 de novembro
Neste mes impartiranse as dous últimos talleres previstos nos centros penitenciarios de Teixeiro e Pereiro de Aguiar
O Programa Voluntariado Dixital da Xunta e a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA), entidade colaboradora do Programa, poñen en marcha mañá en Bonxe (Lugo) o cuarto dos talleres da iniciativa “Tecnoloxía e Software Libre nos Centros Penitenciarios Galegos”.
O proxecto, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías e o software libre a 70 reclusos dos centros penitenciarios existentes en Galicia.
Tras arrancar en xullo no Centro Penitenciario de Monterrroso e no mes de outubro no Centro de Inserción Social (CIS) “Carmen Avendaño” de Vigo e no Centro de Inserción Social de A Coruña Carmela Arias y Díaz de Rábago, o programa continúa agora no Centro Penitenciario de Lugo-Bonxe, no que 14 internos recibirán formación en TIC e software libre. O obxectivo desta iniciativa é promover a inserción laboral dos asistentes, ofrecéndolles formación eminentemente e práctica no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e do software libre.
As sesións formativas deste segundo taller desenvolveranse entre o 11 e o 15 de novembro na aula de informática do centro penitenciario, e estará a cargo dun voluntario da Asociación Usuarios de Software Libre MELISA, que compartirá o seu coñecemento cos internos.
Unha iniciativa do Programa de Voluntariado Dixital
Esta iniciativa enmárcase nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta en colaboración coa Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA), para favorecer a inserción laboral dos internos a través das TIC.
Para poder acadar os niveis de calidade desexados, seleccionase un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, e en colaboración coa dirección de cada centro. Con eles, formúlase un grupo de traballo intensivo, con atención personalizada e conexión permanente na práctica co equipo de formación.
A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide
Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, MELISA, constitúese formalmente a finais do ano 2008, como resultado das inquedanzas de varios veciños de Melide, amantes da cultura libre e da tecnoloxía en xeral, e están a desenvolver múltiples actividades de difusión e promoción do software libre, alcanzando diferentes sectores sociais; educativo, empresarial, administración, etc.
MELISA é unha asociación adherida ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, e presta apoios dixitais en cinco actividades de fomento do software libre en Galicia. Ademais, está asociación tamén colabora do Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia e asinou un acordo coa Amtega para a difusión do software libre en Galicia no que se inclúe esta actuación nos centros penitenciarios galegos.