O profesor Álvaro Ruibal explica na Casa de Galicia por que a imaxe molecular cambiará ao mundo
O catedrático de Radioloxía e Medicina Física e xefe do Servizo de Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Álvaro Ruibal Morell, explicou hoxe na Casa de Galicia en Madrid a revolución que no ámbito da Medicina supón a chamada imaxe molecular, considerada polo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts como unha das dez tecnoloxías que cambiarán ao mundo. Fíxoo na conferencia "A medicina non invasora no século XXI. Avances en laboratorios e imaxe molecular", que impartiu dentro do Ciclo Medicina e Saúde que se está a desenvolver na Casa.
Acompañaron ao conferenciante o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, e o profesor José Manuel Pérez-Vázquez, xefe de Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, coordinador do ciclo e encargado da súa presentación.
"O diagnóstico por imaxe estivo ligado dende hai moitos anos e exclusivamente á morfoloxía; é dicir, eran os cambios nas formas o que contribuía ao diagnóstico dunha enfermidade. Non obstante, nos últimos anos e grazas aos grandes avances da bioloxía celular e molecular, estamos a asistir a un importante cambio; é dicir, estamos a traspasar ao diagnóstico por imaxe os aspectos bioquímico-moleculares ata agora relegados aos laboratorios de investigación, o cal deu lugar ao que hoxe en día coñecemos como imaxe molecular", expuxo.
Un concepto que, explicou, "podemos definir como a visualización, caracterización e medida dos cambios biolóxicos que acontecen nun ser vivo dun modo non cruento; por iso é algo moi precoz e, en consecuencia podémola utilizar no diagnóstico e na avaliación dunha terapéutica. Tan importante é a imaxe molecular, que foi considerada como unha das dez tecnoloxías que cambiarán o mundo no presente século".
O profesor Ruibal expuxo o nacemento, a evolución e os aspectos máis interesantes da imaxe molecular, e sinalou, así mesmo, cales son as técnicas que a integran e outras que nun fututo próximo están chamadas a ocupar un importante lugar na clínica diaria. Finalmente, fixo referencia ao traballo que están a facer no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela neste ámbito.