O presidente da Xunta subliña que Galicia conta cun sector TIC capaz e cualificado e cunha Administración pública consciente e comprometida con facer da tecnoloxía “un dos motores económicos desta década”
Remarca a relevancia do papel da informática na sociedade actual, dada a súa capacidade para crear sistemas produtivos máis eficientes e competitivos, para facilitar a vida dos cidadáns e para facer máis áxil e accesible a Administración pública
Salienta o compromiso da Xunta co e-Goberno e coa modernización tecnolóxica da Comunidade, plasmada na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, que entre 2009 e 2012 mobilizou máis de 890 millóns de capital público e privado
Sinala o incremento do peso do sector TIC en Galicia, que é xa a quinta autonomía en cantidade de firmas tecnolóxicas, un eido que mantén o emprego pese á crise e aposta en firme pola innovación
Asegura que o desenvolvemento TIC de Galicia é valorado no exterior e motivou a sinatura do Pacto Tecnolóxico entre empresas galegas, nacionais e internacionais “unidas para sumar nun territorio no que ven potencial e un proxecto definido”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que Galicia conta cun sector TIC capaz e cualificado e cunha Administración pública “consciente e comprometida con facer da tecnoloxía un dos motores económicos desta década”. Así o dixo o mandatario galego durante a V Noite da Enxeñaría en Informática, onde remarcou a relevancia do papel que este colectivo profesional ten reservado na sociedade actual.
A ese respecto, destacou a capacidade da informática para modernizar os sectores produtivos e orientalos cara procesos máis eficientes e competitivos, así como o seu xeito de facilitar a vida cotiá dos cidadáns. Ademais diso, o titular do Goberno galego puxo o énfase sobre os beneficios que reporta esta ciencia no eido da Administración pública, e engadiu que o e-Goberno é un campo “no que Galicia foi pioneira, no que ten xa moito camiño andando e no que quere avanzar aínda moito máis”.
Feijóo resaltou as vantaxes da administración dixital ao sinalar que permite prestar un mellor servizo aos administrados, axiliza os trámites e acurta os tempos, e leva aparellado un aforro económico “de importancia capital para estes tempos”. Puxo en valor o compromiso da Xunta coa xestión dixital, o que lle permite ser “unha Administración máis áxil, de confianza e segura”.
A creación en 2012 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como centro único de xestión de todas as políticas deste campo, dependente directamente da Presidencia da Xunta, é, en palabras do presidente galego, “un síntoma claro do compromiso do Goberno galego co desenvolvemento dixital da Comunidade”. Nesa liña, salientou como “punto de inflexión na traxectoria tecnolóxica da Xunta”, da Axenda Dixital de Galicia 2014.Gal, que entre 2009 e 2012 mobilizou máis de 890 millóns de capital público e privado.
Como resultados desta aposta, Alberto Núñez Feijóo sinalou a modernización da Administración e da Xustiza; a extensión das infraestruturas de comunicación na Comunidade; a integración das TIC na educación, na sanidade e nos servizos sociais; e o pulo ao sector da economía do coñecemento e ao sector tecnolóxico como elementos tractores do resto dos sectores produtivos.
Un sector con peso crecente en Galicia
Na súa intervención, o titular da Xunta chamou a atención sobre o incremento do peso do sector TIC na Comunidade nos últimos anos, ata situar Galicia como a quinta autonomía en cantidade de firmas tecnolóxicas. Indicou que este eido profesional mantén os niveis de emprego pese á crise, con 15.000 traballadores desde 2010, a maioría deles profesionais cualificados. E, ademais, subliñou que os emprendedores do campo tecnolóxico apostan cada vez máis polo potencial da innovación, pois nos últimos tres anos aumentou en máis dun 15% o número de empresas que desenvolveron actividades de I+D.
O titular do Goberno galego destacou que o impulso da informática en Galicia é apreciado tamén desde fóra, como quedou plasmado no Pacto Tecnolóxico asinado o pasado mes de xullo entre Xunta, o clúster TIC galego e dez empresas do sector autonómicas, nacionais e internacionais. “Son empresas de fóra e empresas galegas unidas para sumar nun territorio que no ven potencial e un proxecto definido”, aseverou.
Para concluír, Feijóo remarcou que a crise económica acentúa as diferenzas entre as empresas que se modernizan e as que simplemente se equipan, polo que avogou por perseverar no esforzo común.