O presidente da Xunta subliña que a dixitalización da imaxe no Sergas acadou un 95% de implantación e permitirá un aforro de 10 millóns de euros na lexislatura

Xoves 09 de Xuño de 2011

O presidente da Xunta subliña que a dixitalización da imaxe no Sergas acadou un 95% de implantación e permitirá un aforro de 10 millóns de euros na lexislatura

Destaca que este avance tecnolóxico supón mellorar a calidade da asistencia e reducir os tempos de espera do paciente, ao tempo que contribúe á xestión responsable do Servizo Galego de Saúde

Destaca a adaptación das máquinas recreativas á Directiva europea de servizos para reducir a burocracia tamén neste sector

Anuncia o personamento da Xunta como acusación particular na ‘Operación Capacho’ para defender a saúde pública e os intereses do sector marisqueiro galego

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe o alto grao de implantación da imaxe dixitalizada no Servizo Galego de Saúde, que acada un 95%, o que supón importantes beneficios tanto para os pacientes como para a xestión do sistema, cun aforro estimado de 10 millóns de euros na lexislatura. Temos, indicou, “un altísimo grao de aplicación e un altísimo grao de implantación”, xa que anualmente o Servizo Galego de Saúde está a dixitalizar máis de 2 millóns de estudos radiolóxicos, que ademais son accesibles desde todos os hospitais, todos os centros de saúde e todos os puntos de atención continuada.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que hoxe fixo balance da dixitalización da imaxe no Sergas, Feijóo indicou que na actualidade se pode acceder á imaxe dixital en máis de 200 quirófanos, e existen 145 salas de diagnose por imaxe. Ademais, puxo de relevo os 430 postos de recoñecemento de voz cos que, “segundo o facultativo está facendo a imaxe solicitada, está trasladando oralmente a descrición da imaxe, e iso grávase automaticamente na historia clínica, sen necesidade de ningún persoal auxiliar adicional que faga o traballo burocrático que antes se facía de transcribir o informe médico”.

“En definitiva, estamos integrando a imaxe de todas as probas radiolóxicas do Sergas na historia clínica electrónica, e esa historia clínica electrónica que leva engadida a imaxe pode ser consultada por calquera facultativo, xa sexa desde un punto de atención continuada, un centro de atención primaria ou un hospital”, resumiu o titular da Xunta.

O presidente galego salientou os importantes beneficios que a imaxe dixitalizada ten para os pacientes, ao mellorar a calidade da asistencia e reducir os tempos de espera entre a realización da proba e interpretación radiolóxica desta. Sinalou que “permite a conexión inmediata do diagnóstico por imaxe por parte de calquera facultativo do Servizo Galego de Saúde”.

Xunto cos importantes beneficios para o paciente, Feijóo subliñou a contribución que a imaxe electrónica supón para “a xestión responsable da sanidade pública”. Nese sentido informou de que o gasto en imaxes radiolóxicas do Servizo Galego de Saúde pasou de 2,8 millóns de euros no ano 2008 a 287.000 euros no ano 2010, de tal forma que o aforro ao final da lexislatura ascenderá a 10 millóns de euros, “o que supón un custo similar a catro centros de saúde como o de Sarria”.

Adaptación do regulamento das máquinas recreativas á Directiva europea de servizos

Na súa comparecencia ante os medios, o xefe do Goberno galego deu conta da aprobación hoxe do decreto que adapta o regulamento das máquinas recreativas á Directiva europea de servizos. Lembrou que a Xunta xa impulsou a chamada ‘Lei ómnibús’, que modificou 23 normas autonómicas para adecualas á dita directiva, e hoxe continúa co trámite no tocante ás máquinas recreativas.

Así, avanzou que, en relación coas máquinas recreativas de tipo A, o novo decreto “elimina o requisito de obter unha autorización previa para a súa explotación, substituíndoo por un réxime de inscrición en virtude de declaración responsable previa á comercialización”. Ao respecto das máquinas deportivas (dardos, billares ou futbolíns), salientou a supresión do requisito de ter que constituírse en empresa operadora para a a súa explotación, mantendo a obriga de que se faga constar de xeito visible a información relativa ao titular. Ao mesmo tempo, informou de que se elimina o tope máximo de máquinas deportivas que se poden instalar nos establecementos de hostalería.

“En definitiva, continuamos reducindo de forma notable a carga burocrática conforme a directiva da UE”, remarcou, para apuntar a continuación que, desde a entrada en vigor da Lei ómnibus, “cada día tramitamos 67 solicitudes administrativas menos”. Ao seu xuízo, isto quere dicir que “esta normativa está funcionando”, tendo en conta ademais que “Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas que está adaptada á directiva de servizos da UE para desburocratizar o traballo de profesionais, de pequenas empresas, de autónomos, e en definitiva dos axentes económicos”.

Personamento da Xunta como acusación na Operación Capacho

O presidente galego informou de que o Consello da Xunta acordou hoxe personarse como acusación particular na causa aberta contra o tráfico ilegal de vieira na comarca de Ferrol, na coñecida como “Operación Capacho”. Feijóo indicou que “como resposables en materia de saúde pública e en materia de comercialización dos produtos pesqueiros galegos, tomamos a decisión de defender a boa fin da inmensa maioría dos mariscadores e mariscadoras galegos, e de defender, por suposto, a marca da Comunidade Autónoma no que se refire aos excelentes produtos no mar”.

Resaltou que a Xunta “está a actuar desde o primeiro día e imos seguir actuando durante toda a lexislatura” e avanzou a próxima incorporación de 22 novos veterinarios ao Servizo de Gardacostas para “intensificar os controis e a inspección na cadea de distribución e de comercialización” e a aprobación en próximos consellos do Decreto de comercialización. Trátase, engadiu, dunha norma que terá “un apartado moi importante para mellorar a trazabilidade dos produtos e garantir a súa procedencia en condicións hixiénico sanitarias”.

Reiterou a postura da Xunta a prol da consideración do furtivismo como delicto, xa que “non pode quedar impune nin pode ser obxecto exclusivamente dalgunha operación puntual”. “O furtivismo vai contra a economía galega, está contra a estabilidade no emprego de centenares de postos de traballo e o furtivismo o único que fai é desacreditar a un sector que está cumprindo con carácter xeral toda a normativa para ter o mellor produto nas cadeas de distribución”, subliñou.