O presidente da Xunta sinala o sector galego como o mellor argumento para que Galicia sexa sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións

Venres 20 de Novembro de 2009

O presidente da Xunta sinala o sector galego como o mellor argumento para que Galicia sexa sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións

Salienta que esta é unha das grandes reivindicacións do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións, da Escola de Telecomunicacións de Vigo pero tamén, “de toda a sociedade galega, así como deste presidente e do seu Goberno” Lembra que Galicia xa é un referente no mapa das telecomunicacións, con 1.500 sociedades no sector que dan emprego a 13.000 persoas e xeran un volume de negocio superior aos 4.500 millóns de euros Remarca que a Xunta ten o “firme propósito de seguir impulsando as telecomunicacións”, baseándose nas súas fortalezas: o talento dos profesionais e das empresas e o talento das universidades galegas Sinala que as novas tecnoloxías son un “magnífico instrumento” para lograr o progreso económico e saír fortalecidos da crise, e tamén un factor “clave” para acceder a novas oportunidades, lograr a cohesión social interna e potenciar a Galicia global Felicita aos premiados nesta noite e dálle ánimo para seguir “prestixiando Galicia, para seguir achegando a todos os galegos a tecnoloxía e, coa tecnoloxía, o futuro”

Todos seguiremos traballando, como ata agora, para que a nosa comunidade sexa sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións”. Así o asegurou esta noite na Toxa o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, onde presidiu a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2009, e onde incidiu en que esta é unha das grandes reivindicacións do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións, así como da Escola de Telecomunicacións de Vigo pero tamén, incidiu, “unha reivindicación de toda a sociedade galega, así como deste presidente e do seu Goberno”.

Por iso, subliñou, “queremos esta Axencia para Galicia porque é tamén unha forma de recoñecer formalmente o papel tan importante do sector, tanto nesta terra como no conxunto do Estado”. Non obstante, explicou, “Galicia é xa un referente no mapamundi das telecomunicacións. Unhas 1.500 sociedades no sector, que dan emprego a 13.000 persoas e que teñen un volume de negocio superior aos 4.500 millóns de euros son soamente algunhas cifras que ilustran a súa importancia”, abondou.

Seguir impulsando o sector
Na súa intervención, o mandatario galego lembrou que a Xunta ten o “firme propósito de seguir impulsando as telecomunicacións”, apoiándose nas súas principais fortalezas: o talento dos profesionais e das empresas e o talento das universidades galegas.

“Estou convencido que tamén vostedes seguirán impulsando Galicia con novos proxectos de alto valor tecnolóxico para superar con éxito unha encrucillada histórica na que estamos chamados a facer realidade o soño de Henry Ford: ‘o verdadeiro progreso é o que pon a tecnoloxía ao servizo de todos”, aseverou.

A este respecto lembrou que, no pasado, a universalización das telecomunicacións puido considerarse un mero voluntarismo ou mesmo un luxo, pero que hoxe a súa difusión pasou a converterse nunha necesidade para vivir integrados. E se isto é importante con carácter xeral, nunha comunidade como Galicia, tradicionalmente asociada ao illamento, dixo, trátase “dunha cuestión urxente”.

Non en van, argumentou, as tecnoloxías da comunicación son un “magnífico instrumento para lograr o progreso económico e saír fortalecidos da crise; pero ademais –insistiu-, son un factor clave para ter acceso a novas oportunidades, para lograr a cohesión social interna e potenciar unha Galicia global onde haxa igualdade de condicións para todos os cidadáns, vivan onde vivan”.

Para lograr este obxectivo, Feijóo considerou “crucial” o liderado de gobernos e axentes sociais. “A sociedade debe asimilar que precisa un cambio de rumbo para superar os condicionamentos xeográficos e socioeconómicos que frearon a nosa inmersión na sociedade da información”, aseverou, advertindo que, “se non o facemos, será como vivir un século atrasados”.

Felicitación aos premiados 
Por último o presidente da Xunta trasladoulle as súas felicitacións aos premiados polo traballo desenvolvido e deulle ánimo para seguir “prestixiando Galicia, para seguir achegando a todos os galegos a tecnoloxía e, coa tecnoloxía, o futuro”. Así deulle a noraboa a José Marcos Pérez Vidal, socio fundador de Desarrollo Digital e Premio Ingeniero Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial TIC; a Daniel González Jiménez, Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral Aplicada no Sector TIC; a “dobre noraboa” a José Antonio Vidal Sampedro, Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais e Premio á Mellor Aplicación TIC; ao Enxeñeiro do Ano, Ángel Viña Castiñeira, presidente de Denodo Technologies, “que soubo impulsar co seu traballo a creación da Demarcación de Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, pero tamén polo seu papel no eido empresarial, por potenciar iniciativas emprendedoras de éxito internacional”; e a Rafael Valcarcel Baiguet, socio de honra, de quen Feijóo destacou o seu traballo na elaboración do Libro Branco das Telecomunicacións de Galicia do ano 1992, ou no desenvolvemento de iniciativas públicas nas telecomunicacións”.

Achegar a TDT ao 100% dos galegos
Pola súa banda, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, abondou na necesidade de reclamar para Galicia a Axencia Estatal de Radiocomunicacións. Insistiu, ademais, no obxectivo da Xunta de achegar á TDT ao 100 por cen da poboación galega para evitar que non se produza na comunidade unha “discriminación tecnolóxica”. Ademais, Alfonso Cabaleiro sinalou que a principios do próximo mes de abril “Galicia será totalmente dixital”.

Plan director da banda larga
Na súa intervención, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou que o Executivo autonómico ten a “plena convición” que o acertado das decisións dun país e o seu esforzo investidor en infraestruturas de telecomunicacións determinarán a súa capacidade actual e futura para competir. Por iso, incidiu, “unha das liñas de actuación prioritarias da Xunta foi a posta en marcha dunha estratexia global de telecomunicacións que se visualizará nunha primeira fase no Plan director da banda larga, que ten como obxectivo achegar estas oportunidades de futuro a todo o noso territorio”, concluíu.