O portal web de Emigración mantívose en 2011 nas 240.000 visitas, pero aumentaron un 10% os usuarios únicos

Domingo 08 de Xaneiro de 2012

O portal web de Emigración mantívose en 2011 nas 240.000 visitas, pero aumentaron un 10% os usuarios únicos

Tamén increméntase de maneira moi importante a cifra de seguidores nas redes sociais ‘Facebook’ e ‘Twitter’

Coma sucedera o ano anterior, a cidade con maior número de visitantes de www.galiciaaberta.com é Bos Aires, e no cuarto e quinto postos sitúanse Madrid e Montevideo

O portal de Internet www.galiciaaberta.com, dependente da Secretaría Xeral da Emigración, recibiu ao longo do ano 2011 un total de 242.194 visitas, unha cifra case idéntica á do ano 2010 (no que foron 242.271, un 0’03 por cento máis). O montante global do 2011 supón unha media mensual de 20.183, e diaria de case 664.

Respecto dos usuarios únicos (é dicir, aqueles que non realizan máis ca unha única visita nunha mesma xornada), houbo un aumento considerable, do 9’81 por cento, e iso que o ano pasado xa se experimentara un crecemento considerable neste campo. Así, ao longo do 2011 rexistráronse 155.816 usuarios únicos (o que supón 12.932 mensuais ou 425 diarios), fronte aos 141.959 de 2010, ou os 115.311 de 2009.

Practicamente mantívose o número de visitas recibidas nas distintas páxinas dentro dewww.galiciaaberta.com. Así, se en 2009 eran 898.293 as veces que algunha páxina do portal era visitada, en 2010 aumentaban ata 934.010, cifra que case se acada no 2011 con 925.056 visitas totais. Isto supón 77.088 páxinas vistas por mes, 2.534 diarias.

Tempo e procedencia
O tempo de permanencia no sitio tamén se consolidou ao longo de 2011, cunha media de visita entre tódolos usuarios de 3 minutos e 35 segundos, cifra moi similar á de 2010. Canto á procedencia por países dos visitantes, máis da metade das visitas proceden de España (52’7 %), e cómpre de novo salientar a importante presenza estatística do segundo país, Arxentina (20’6 %). Séguenlles Uruguai (6’6 %), Venezuela (2’9 %), Brasil (2’7 %), Estados Unidos (2 %), México (1’5 %), e Suíza (1’5 %). Estes mesmos países aparecían tamén nos postos máis altos da listaxe do pasado ano.

Na distribución por cidades de residencia dos visitantes do portal web, as sete localidades que se sitúan á cabeza da listaxe son Bos Aires (con máis de 32.000 visitas, un 13’2 %), seguida de Compostela, A Coruña, Madrid (máis de 16.000 visitas, un 6’7 %), Montevideo (16.000 visitas, 6’6 %), Vigo, e Barcelona (máis de 9.000, o 3’8 %).

Con estes datos na man, o portal web www.galiciaaberta.com está a demostrar a utilidade do seu funcionamento, e o cumprimento dos obxectivos para o que foi creado, pois amosa a importante necesidade de información on line que demanda a diáspora, e serve de canle inmediata de difusión das medidas do departamento que dirixe Santiago Camba.

Redes sociais
Cabe salientar que, desde o momento da súa creación o 14 de outubro de 2010, o perfil do portal GaliciaAberta.com en ‘Facebook’ e ‘Twitter’ medrou de maneira exponencial, ata acadar os 2.902 seguidores no primeiro caso (cun incremento do 134 %), e 734 no segundo (cunha suba do 159%).

A presenza nestas dúas principais redes sociais serve de conexión (fundamentalmente a través dos teléfonos móbiles e outros dispositivos portátiles) cos galegos da diáspora para lles ofrecer, en tempo real e nas mellores condicións posibles, as novas de relevancia do portal web, sempre relacionadas coa actualidade da diáspora galega.