O portal IMIT da Secretaría Xeral de Modernización xa está presente nas redes sociais Facebook e Twitter

Martes 10 de Agosto de 2010

O portal IMIT da Secretaría Xeral de Modernización xa está presente nas redes sociais Facebook e Twitter

Con esta iniciativa a Xunta trata de aproximarse ao concepto de Open Government, unha Administración na que priman as relacións cos cidadáns e o contacto directo con eles, máis transparente, participativa e colaborativa

O  portal das iniciativas tecnolóxicas da Xunta iMit xa está presente nas redes sociais de Facebookwww.facebook.com/xuntadegalicia e Twitter http://twitter.com/imitxunta, ademais de posibilitar o acceso ás fotos desde Flickr desde principios do pasado mes de xullo.

Coa incorporación de http://imit.xunta.es a estes espazos dáse un paso máis no camiño emprendido desde a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, departamento que xestiona os contidos do portal, cara o concepto de web 2.0. Unha filosofía coa que se concebiu tamén o cambio da páxina web da Xunta de Galicia presente xa nas redes sociais.

O portal iMit reestruturouse recentemente co obxectivo de respostar ás esixencias de cidadáns, empresas e institucións para que poidan acceder aos beneficios que a Xunta quere ofrecer a través as súas canles online: unha prestación de servizos máis áxil, económica, personalizada e máis eficiente, aos que os cidadáns e as empresas poidan acceder 24 horas ao día, 7 días á semana.

Novo modelo de Administración electrónica
IMit intégrase na liña de traballo que está a seguir a Administración Autonómica galega para facer realidade un modelo de eAdministración no que os servizos públicos electrónicos non son só tecnoloxía, senón unha ferramenta para acadar un achegamento da Administración á cidadanía, cunha unha mellor visibilidade para os usuarios, conseguido tamén un aforro de custes e unha mellora da produtividade dos propios empregados públicos.
Este modelo consiste non só en trasladar servizos da Administración á Rede, senón  tamén en ter en conta como levalos, con que esforzos e implicacións, pensando no máximo aproveitamento da súa organización e os seus procedementos asociados, colocando o cidadán no centro e focalizando a interacción, a mellora dos servizos e a redución de custes.

Open Goverment
Trátase de aproximarse á administración aberta (Open Government), unha Administración na que priman as relacións cos cidadáns e o contacto directo con eles, facéndose máis transparente, participativa e colaborativa.

Unha Administración aberta que escoita aos cidadáns e ten en conta as súas opinións, o mesmo fai con outras administracións, compartindo información e coñecemento. Asume a apertura de datos online, asegura a calidade e obxectividade da información e leva consigo un cambio cultural baseado principalmente no principio de participación cidadá.

Por iso a presenza das administracións públicas en redes sociais pode supoñer un viveiro de ideas novas, a oportunidade de crear redes informais de información, formación e coñecemento, polo que se constitúen en puntos de encontro no que desde perspectivas moi distintas: técnica, xurídica, organizativa, social, e pásase revista a problemas e solucións, confróntanse ideas e empézase a camiñar cara á participación continua do cidadán na Administración.