O portal eXustiza abre as portas na rede para facilitar a relación da cidadanía coa admnistracion xudicial
www.exustiza.es ofrece información de interese para calquera persoa que teña que acudir ante os tribunais
Permite a presentación telemática das demandas polas preferentes e ofrece información específica ás persoas prexudicadas polo accidente ferroviario de Santiago
Incorpora un completo directorio dos 323 edificios e 696 órganos xudiciais de Galicia
Irá ampliando progresivamente os contidos para os cidadáns e incorporará utilidades específicas para ós profesionais do sector
Albergará a futura sede xudicial electrónica que permitirá a comunicación telemática entre cidadáns e profesionais do eido xudicial coa Administración de Xustiza con todas as garantías técnicas e xurídicas
www.exustiza.es é o portal que conecta a Administración de Xustiza de Galicia coa cidadanía. A Xunta vén de poñer en marcha a primeira fase deste espazo específico do eido xudicial, que ofrece información práctica para o cidadán na súa relación coa Xustiza.
O portal reúne información de interese para calquera persoa que teña que acudir ante os tribunais. O cidadán que acceda a eXustiza poderá coñecer de xeito sinxelo cales son os seus dereitos e deberes antes a xustiza, quen e como pode acollerse a asistencia xurídica gratuíta ou como funciona o servizo de atención á vítima e á cidadanía
Aqueles que teñan que participar nun procedemento xudicial atoparán unha explicación detallada de como funciona o xurado (requisitos, participación, retribucións e indemnizacións) e cales son os dereitos, obrigas e indemnizacións das testemuñas.
A web irá ampliando progresivamente os seus contidos, con máis información sobre os órganos da Administración de Xustiza en Galicia e con utilidades específicas para profesionais do sector. O obxectivo é que www.exustiza.es sexa a canle de comunicación na rede entre os cidadáns e a xustiza e no que poidan realizar as súas xestión telemáticas a través da futura sede xudicial electrónica.
Directorio de órganos xudiciais e formularios
eXustiza incorpora un completo directorio de órganos xudiciais, no que se poden atopar 323 edificios e 696 órganos xudiciais en Galicia: xulgados, rexistros civís, fiscalías, oficinas de atención ao cidadán e as vítimas e outros órganos e servizos localizados no mapa e con todos os datos de contacto.
A web inclúe ademais información sobre os servizos que ofrece a Administración de Xustiza, con explicación de como son os procedementos e formularios para a súa descarga. No caso do Rexistro civil pódese atopar a información e documentación relacionada con nacementos, defuncións, matrimonios, nacionalidade e outras certificacións. Tamén se atopa a información sobre a inscrición no rexistro de parellas de feito.
A web contén un apartado de preguntas frecuentes, para resolver dúbidas ligadas a calquera dos temas recollidos en eXustiza, e un apartado de actualidade con novas da Xunta de Galicia e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Apartados específicos para o accidente ferroviario de Santiago e as preferentes
O portal ten, ademais da información máis xenérica, contidos específicos para procesos de especial interese ou incidencia nun momento concreto. Así, o portal inclúe apartados con utilidades específicas para dous procesos, para as persoas prexudicadas polo accidente ferroviario de Santiago de Compostela e para a presentación de demandas por investimentos en produtos financeiros (preferentes e subordinadas).
As persoas prexudicadas polo accidente de tren poden consultar en eXustiza o estado actual de tramitación do procedemento e os contactos de interese. Neste espazo teñen acceso a toda a información necesaria para exercer accións e para axilizar o cobramento de indemnizacións. Un apartado de preguntas frecuentes trata de resolver dúbidas habituais e un de notas informativas reúne todos os comunicados aos medios que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vai emitindo en relación a este caso.
No apartado para as demandas por investimentos en preferentes e subordinadas achégase información aos afectados queiran iniciar unha reclamación xudicial por este tema. Xunto coa información básica, os contactos necesarios e as guías e preguntas frecuentes para resolver as dúbidas máis habituais, inclúese un formulario en liña para a presentación telemática da demanda e outros formularios para a súa descarga.