O Portal do Empregado Público rexistrou máis de 226.000 visitas no primeiro ano de entrada en funcionamento
O obxectivo deste espazo, que se puxo en marcha en setembro de 2010, é facilitar o acceso aos servizos máis habituais para os profesionais da Administración
Os empregados que dependen da Función Pública utilizan habitualmente esta ferramenta para consultar de solicitudes de permisos e licenzas, datos da nómina, procesos selectivos, listas de contratación persoal ou concursos de traslados
Desde a súa entrada en funcionamento, en setembro de 2010, o Portal do Empregado da Xunta de Galicia (PORTAX) rexistrou un total de 226.543 accesos. A través de PORTAX os empregados públicos da Administración poden acceder, desde un enlace na Intranet da Xunta, á información do seu interese nun espazo que centraliza o acceso a todos os servizos de carácter interno á súa disposición.
O Portal do Empregado Público constitúe o punto de encontro entre a Xunta e os profesionais que dependen da Función Pública, que utilizan habitualmente esta ferramenta para acceder a servizos como a consulta de solicitudes de permisos e licenzas, de datos económicos de nómina, de procesos selectivos, de listas de contratación persoal ou de concursos de traslados, entre outros.
Contidos e Acceso
Os contidos e servizos do Portal están organizados en tres categorías, a de novas onde o empregado público pode acceder a noticias e información do seu interese; a de servizos destacados, na que ten acceso ao seu expediente persoal, á solicitude de permisos, licenzas e vacacións así como á consulta dos recibos de nómina; e por último a categoría de acceso a servizos e información sobre procesos de función pública como os procesos selectivos, a contratación temporal, concursos de traslados, entre outros.
O acceso a PORTAX, que pode realizarse desde a Intranet, é posible mediante certificado dixital tanto de persoa física como de empregado público expedido pola Fábrica Nacional de Moneda y Timbre (FNMT).
Plan de Modernización
A entrada en funcionamento deste Portal intégrase nas actuacións do Plan de Modernización da Administración Pública, en concreto no programa de desenvolvemento de servizos para o empregado público. Este programa porá a disposición dos empregados públicos unha serie de recursos, ferramentas e aplicacións para contribuír á mellora do funcionamento da Administración Pública a través da modernización dos medios a disposición dos seus empregados.
O Plan de Modernización da Administración Pública da Xunta de Galicia ten como obxectivo acadar o desenvolvemento da Administración electrónica estendendo o uso das tecnoloxías para ofertar novos servizos e mellorar os actuais, acelerando a tramitación de procedementos e facilitando a participación e a información da cidadanía en tempo real.