O portal de interoperabilidade da Xunta incorpora os certificados de discapacidade e familia numerosa
Os máis de 233.000 galegos que dispoñen destes documentos acreditativos xa non terán que presentalos naqueles trámites administrativos que os requiran.
pasaXe! permite o intercambio de información online entre as Administracións e evita ao cidadán ter achegar documentos que xa obra en poder delas.
No primeiro semestre 2015 esta plataforma evitou a cidadáns e empresas a presentación de arredor de 500.000 documentos.
Xa se poden consultar na plataforma 33 tipos de certificados como o de identidade, dependencia, datos catastrais, o imposto de actividades económicas, títulos universitarios ou a alta na Seguridade Social, entre outros.
A Xunta vén de incorporar ao seu Portal de Interoperabilidade pasaXe!, tres novos documentos: o certificado galego de asimilación á condición de familia numerosa, o de discapacidade e o título de familia numerosa. Así, os máis de 233.000 galegos que dispoñen destes documentos acreditativos xa non terán que presentalos naqueles trámites administrativos que os requiran.
A integración destes novos servizos formalizouse coa sinatura dun convenio entre a conselleira Consellería de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira. A consellería é o primeiro departamento autónomo en adherirse ao nodo de interoperabilidade, que, só no primeiro cuadrimestre de 2015, evitou a petición de 500.000 documentos ou certificados a cidadáns e empresas para a realización de trámites administrativos.
Pasaxe! é a plataforma tecnolóxica que permite o intercambio de información entre as administracións, evitando ao cidadán achegar documentación que xa obra en poder delas, cumprindo así coa obrigas establecidas nas Lei 11/2007 de 22 xuño de acceso electrónico dos cidadás aos servizos públicos. Ademais, reduce da documentación necesaria pra xestionar un expediente e unifica nun único punto as relacións con outras administracións.
Con estas tres novas incorporacións, pasaXe! permite consultar 35 tipos de certificados como o de identidade, dependencia, a renda, datos catastrais, estar ao corrente do pagamento das obrigas tributarias, datos catastrais, títulos universitarios, certificados de nacemento, matrimonio ou defunción ou a alta na Seguridade Social, entre outros. Son documentos achegados por 14 entidades distintas, incluíndo a propia Xunta (Ministerios de Educación, Facenda e Administracións Públicas, Dirección Xeral de Policía, Instituto Nacional da Seguridade Social....) e a Comunidade autónoma de Navarra.
Incorporación das entidades locais
Entre os seguintes fitos para consolidar o uso de PasaXe!, está a posta a disposición do portal as entidades locais. O pasado mes de maio incorporáronse a Deputación da Coruña e os concellos de Abegondo e Laracha.
Aforro
O impulso da interoperabilidade enmárcase nas medidas da Plan de Goberno e Administración Dixital 2015-2020 co obxectivo de acadar o millón de consultas en 2016, o que posibilitará un aforro de 5 millóns de euros pola redución de cargas administrativas.
A interoperabilidade entre as Administracións públicas é un elemento fundamental para consolidar unha administración que acade a tramitación electrónica íntegra do procedemento administrativo.