O plan re-Móvete eficiente de Economía e Industria alcanza 167 solicitudes e ten comprometido máis de do 75% do seu orzamento
O Plan de Vehículos Eficientes 2010 incardínase no Plan Integral de apoio ao sector da automoción galega, re-Móvete 2010, posto en marcha polo departamento que dirixe Javier Guerra
Con esta actuación, que se enmarca na aposta estratéxica da Xunta pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, xerarase un investimento asociado de 3,4 millóns de euros, un aforro de enerxía primaria de 54,41 toneladas equivalentes de petróleo ao ano e unha redución de emisións de CO2 á atmosfera de 176 toneladas
Está previsto que ao abeiro deste Plan de apoio á compra e transformación de vehículos eficientes enerxeticamente se realicen 245 operacións, entre adquisicións de vehículos híbridos novos e transformacións a GLP
O Plan de Vehículos Eficientes 2010 que a Consellería que dirixe Javier Guerra ten en marcha a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e que se enmarca dentro do Plan Integral de apoio ao sector da automoción galega, re-Móvete 2010, alcanza a cifra total de 167 solicitudes (165 adquisicións de vehículos híbridos e 2 transformacións a GLP) nos 20 concesionarios e talleres que participan ata o momento neste programa, despois de abrirse o prazo de presentación de axudas o pasado 8 de novembro.
Este número de solicitudes representa un importe total de 390.300 euros en canto a fondos comprometidos sobre os 510.200 euros de orzamento inicial, isto é, o 76,5% do presuposto que o Inega destina a esta actuación de promoción de potenciación da eficiencia enerxética no sector dos medios de transporte, que se incardina na aposta estratéxica da Xunta de Galicia neste eido.
Ademais, co Plan de Vehículos Eficientes 2010 tamén se potencia a renovación e a modernización do parque automobilístico galego mediante a concesión de axudas para a compra de vehículos novos menos contaminantes ou transformacións, ademais de promoverse a diversificación enerxética para reducir así a dependencia do petróleo.
O Instituto Enerxético de Galicia salienta, en palabras do seu director, Eliseo Diéguez, unha vez máis, a boa aceptación que teñen entre a cidadanía este tipo de campañas que tratan de incentivar o aforro e a eficiencia enerxética. Así, por exemplo, os 3,1 millóns de euros do Plan Renove de Electrodomésticos 2010 esgotáronse en pouco máis de 15 días.
Con esta nova actuación de aforro e eficiencia a Consellería de Economía e Industria e o Inega posibilitarán un investimento asociado de 3,4 millóns de euros, un aforro de enerxía primaria de 54,41 toneladas equivalentes de petróleo ao ano e unha redución de emisións de CO2 á atmosfera de 176 toneladas.
Estímase que co Plan de Vehículos Eficientes enerxeticamente 2010 se realizarán 245 operacións, entre as 205 adquisicións de vehículos híbridos novos e as 40 transformacións a GLP previstas, que se desenvolverán cos concesionarios ou talleres que participan na campaña.
Contía da subvención
Para os vehículos turismos híbridos enchufables, eléctricos puros, de combustión directa de hidróxeno ou de pilas de combustible o importe máximo da axuda por vehículo poderá alcanzar os 7.000 euros; 2.300 para os vehículos turismos híbridos Full Hybrid e de 2.000 euros para os vehículos turismos Mild Hybrid.
No caso dos vehículos novos ou transformados nun prazo inferior a 3 meses desde a súa primeira matriculación alimentados por gas natural e GLP, o importe máximo do vehículo é de 1.200 euros, e para transformacións a GLP, o máximo é de 450 euros. Por último, a compra de motocicletas eléctricas puras, híbridas, de hidróxeno ou pila de combustible incentívase cun importe máximo de 750 euros. En todo caso a contía máxima da subvención será do 15% do prezo do vehículo no mercado, entendendo por este o prezo final de compra.
Os beneficiarios das axudas poderán ser persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, sempre que residan en Galicia e fagan a solicitude, para mercar ou transformar un vehículos que cumpran as características do Plan, nun dos talleres ou concesionarios que participen na campaña.