O Plan Estratéxico Tecnolóxico da Xunta fomentará unha Administración sostible reducindo custos e incrementando a produtividade
O Plan, que se presentará proximamente, busca acadar no horizonte do 2014 un aforro do 25% no gasto anual TIC e un 50% no gasto de licenzas mediante o impulso do Software Libre.
No actual escenario de crise económica as TIC xogan un rol clave no camiño cara a eficiencia e a mellora do control e o seguimento do gasto público.
As novas tecnoloxías preséntanse como unha ferramenta idónea para que as administracións públicas atendan aos cidadáns e ás empresas dun xeito máis rápido, accesible, áxil e interactivo.
A secretaria xeral de Modernización participou hoxe no II Encontro co Sector Público do Observatorio Dintel 2010, que celebra en Santander.
A Xunta de Galicia está a traballar nun Plan Estratéxico Tecnolóxico Global que establece un modelo de sostibilidade económica, medioambiental e tecnolóxica, que aliñando táctica e estratexia permitirá a redución de custes e o aumento da productividade en tempos de crise. Así o indicou esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira durante a súa intervención na mesa redonda “A Sostibilidade TIC na Administración Autonómica” no II Encontro co Sector Público do Observatorio Dintel 2010, que se está a celebrar en Santander.
A responsable de Modernización indicou que o actual sistema de financiamento das administracións públicas na presente situación de crise pasa por construír uns modelos de xestión eficaces en todos os seus niveis, segundo indicou a responsable de Modernización. E nesta liña as TIC xogan un rol clave no camiño cara a eficiencia, non só no que a redución de custos se refire senón tamén no tocante á mellora do control e o seguimento do gasto público.
As actuacións previstas no Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta de Galicia, no que está a traballar a Secretaría Xeral de Modernización e que se presentará proximamente, permitirá conseguir un modelo sostible na xestión de custes, un factor clave para a Xunta e as administracións públicas neste novo ciclo económico. Mar Pereira avanzou que os obxectivos do Plan no horizonte do 2014 pasan por acadar un aforro do 25% no gasto anual TIC, un 50% no gasto de licenzas mediante o impulso do Software Libre e un 30% nos gastos de mantemento da infraestrutura TIC e dos custos na enerxía medioambiental mediante modelos GreenIT.
En canto ao modelo tecnolóxico, o plan contempla unha maior eficiencia no gasto destinado ao ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación integrando investimentos, reaproveitando infraestruturas e promovendo a cooperación entre as administracións públicas. O proceso de modernización dos servizos públicos mediante as TIC, xa iniciado, é outro dos puntos básicos plan. Ademais, o estas medidas permitirán a xeración de emprego e o aumento da competitividade dos sectores produtivos.
Sociedade da Información
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica explicou tamén a estratexia para integrar a Galicia na sociedade da información. O primeiro paso, segundo indicou Mar Pereira, foi a creación do departamento autonómico para coordinar de xeito transversal as actuacións en materia TIC da Xunta de Galicia, e despois a establecer as medidas en catro áreas clave de actuación neste ámbito: as telecomunicacións, o eGoberno, a dinamización do uso das TIC, e o impulso ao sector empresarial da sociedade da información.
No ámbito das telecomunicacións a Xunta puxo en marcha o Plan de Banda Larga 2010-2013 para posibilitar o acceso á Internet de calidade a toda a sociedade galega e situar á Comunidade nas rexións de referencia no desenvolvemento das novas tecnoloxías e infraestruturas da sociedade da información. O plan permitirá que no 2013 o 94% dos galegos poida acceder á Internet a través de redes fixas, inalámbricas ou de nova xeración e o 6% restante vía satélite.
A creación dunha rede de telecomunicacións adecuada facilitará a implantación do eGoberno, unha administración baseada no desenvolvemento de novos modelos de prestación de servizos aos cidadáns aproveitando as oportunidades que as TIC. Trátase de proporcionar un acceso universal sen exclusión e garantindo a todos os cidadáns o mesmo nivel de servizos. O planteamento do eGoberno xira en torno as TIC como ferramenta idónea para permitira ás administracións públicas atender aos cidadáns e empresas dun xeito máis rápido, accesible, áxil e interactivo no novo modelo de xestión pública e cunha liña estratéxica que fai especial énfase nos sectores máis sensibles para o cidadán como son a saúde, a educación e a xustiza.
Para promover a dinamización da sociedade da información a Secretaría Xeral de Modernización creou a Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT), integrando por 60 aulas dependentes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, 56 telecentros da Secretaría Xeral de Medios e o CNTG, da Consellería de Traballo e Benestar, para promover o uso das novas tecnoloxías na poboación, en especial naqueles colectivos onde a fenda dixital se fai máis evidente.
Outro aspecto fundamental para integrar a Galicia na sociedade da información son as medidas destinadas a impulsar o sector empresarial da sociedade da información a través das axudas para crear empresas TIC, para fomentar o emprego no sector e mellorar a competitividade do sector empresarial grazas a novas solucións TIC.